Isaac Díaz Pardo (1920-2012) é unha figura clave para entendermos a cultura galega contemporánea. Marcado pola morte do seu pai a mans dos sublevados no ano 1936 e pola súa relación cos galegos exilados en América, adicou toda a súa vida á recuperación da memoria en Galicia a través das súas empresas.
A relación de Isaac co seu pai, Camilo Díaz Baliño, importante escenógrafo e artista, marcará a súa vida para sempre. Artisticamente, será o seu primeiro mestre e a súa morte inesperada no 1936 provocará un cambio moi forte na súa maneira de entender a vida. Por outra parte, Mimina, como era coñecida a súa muller Carmen Arias, funcionará durante máis de 70 anos como a compañeira incondicional e o apoio necesario para sacar os proxectos adiante.
O contacto con Castelao e Ánxel Casal no taller do seu pai nos anos 30 e o reencontro con Luis Seoane na Arxentina no 1957 cambiaron a vida de Isaac, que tomou un camiño en prol da defensa da memoria de Galicia. Outras personalidades como Albalat, Rafael Dieste ou Lorenzo Varela tamén forman parte da traxectoria vital de Díaz Pardo, coa achega das súas ideas e a súa amizade de moitos anos.
Definido como multifacético, poliédrico e ata home do Renacemento, Isaac Díaz Pardo acolle na súa figura os perfís de pintor, ceramista, deseñador, arquitecto, escritor e empresario. Dentro desta actividade frenética, acadou un éxito destacado e mantivo sempre o seu compromiso coa cultura e coa memoria de Galicia.
Produto do seu reencontro con Luis Seoane na Arxentina, e motivados pola situación de desmemoria que estaba a sufrir Galicia, no 1963 ve a luz o Laboratorio de Formas, un proxecto clave para a cultura galega do século XX, do que partirán importantes propostas, entre elas a recuperación de Sargadelos.
A súa traxectoria empresarial, desde os inicios da fábrica do Castro, a fábrica de Magadalena (Arxentina) ata o proxectado con Luis Seoane baixo o nome de Laboratorio de Formas supuxo o crecemento e a renovación das estructuras artísticas galegas na segunda metade do século XX e principios do XXI.
Fontes de estudo é unha sección dirixida sobre todo aos estudosos e aos investigadores, onde é posible descargar documentación variada sobre Díaz Pardo e diferentes recursos, ademais dunha bibliografía de toda a obra que trata a súa figura.
“Arredor de Isaac” é un espazo onde se recollen os actos e novas actuais relacionadas coa vida e obra de Díaz Pardo: exposicións, homenaxes, publicacións e demais traballos sobre a sua figura.
Arte Industria Isaac Díaz Pardo. Xosé Díaz-Luis Muñoz-Juan Rodríguez. Presentación do libro. 5 de decembro de 2001. Auditorio do Museo Carlos Maside, Sada (A Coruña)
Díptico. Tres tintas sobre papel branco. 30 x 15cm.