Isaac Díaz Pardo, protagonista do Día das Artes Galegas 2025
O pleno da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) aprobaba por unanimidade, o pasado mes de xuño, dedicarlle o Día das Artes Galegas á figura de Isaac Díaz Pardo, por consideralo «unha figura fundamental e referente ineludible para comprender as artes do noso país». Castelao (2016), Maruja Mallo (2017) ou Luis Seoane (2019) recibiron tamén este recoñecemento.
O acto central, organizado pola Real Academia Galega de Belas Artes e o Concello de Santiago, terá lugar o vindeiro martes 1 de abril no Teatro Principal de Santiago. Será un evento aberto ao público e comezará ás 19:00 horas. Nel intervirán o presidente da Academia, Manuel Quintana Martelo, e Xosé Díaz, académico e fillo do homenaxeado, que pronunciará unha laudatio titulada Isaac Díaz Pardo ou as formas que xorden da memoria. Pechará o acto o conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude da Xunta de Galicia, José López Campos, e será a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a encargada de clausurar o evento.
O Museo do Pobo Galego tamén se une a esta celebración desde o primeiro día, xa que participará no evento do Teatro Principal e, ademais, ao día seguinte, mércores 2 de abril, Xosé Ramón Fandiño, investigador, escritor e membro desta institución, impartirá a conferencia Isaac Díaz Pardo. Memoria do compromiso. O venres 4 ás 12 horas, realizarase unha intervención chamada Espazos contra o vacío, que fará un percorrido pola figura de Díaz Pardo e explicará a súa relación co Seminario de Estudos Galegos e co propio museo. A programación completarase o xoves 24 de abril ás 19 horas coa charla Isaac Díaz Pardo creador do Laboratorio de Formas, coa participación de Xosé Luís Axeitos, María América Díaz, Fernando Arribas e Carmela Montero.
O Consello da Cultura Galega programa para o luns 28 de abril ás 17.00 horas a xornada Isaac Díaz Pardo. Azul Compostela, que contará coa intervención de Cecilia Díaz Betz, neta do homenaxeado, que impartirá a conferencia Isaac hoxe. A continuación, terá lugar unha sesión de relatorios baixo o título IDP: arte e compromiso coa cultura galega, que contará coa presenza de Begoña Soneira, María América Díaz, María Díaz, Eduardo Valiño e Silvia García.
O Museo de Belas Artes da Coruña homenaxeará tamén a Isaac Díaz Pardo con A barca de Caronte, unha mostra monográfica sobre o polifacético artista con motivo da dedicación do Día das Artes Galegas á súa obra.
Ademáis, na Biblioteca Pública da Coruña Miguel González Garcés terá lugar mañá día 1 de abril, as 18:00 o obradoiro Coñecendo a Díaz Pardo, destinado a rapaces de 6 a 12 anos, no que poderán acercarse dunha forma lúdica a algúns exemplos do seu amplo legado.
A Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura súmase ás celebracións cun obradoiro titulado Isaac Díaz Pardo. Un laboratorio de ideas, será o 5 de abril ás 17.30 h.