Máis novas sobre o centenario de Isaac Díaz Pardo

27/05/2020

Coincidindo có día do nacemento de Isaac Díaz Pardo a Concellería de Cultura de Sada programou o sábado 22 de agosto tres actos simbólicos acordes coa vida e obra do intelectual galego: un mural, unha exposición e un acto-homenaxe.

Un mural recreando unha interpretación do artista plástico sadense JA! de " A rapaza que leva na cabeza un mundo de cousas que pode precisar na vida", obra realizada a principios dos anos 70.

Unha exposición de rúa coordinada pola Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo co título “Isaac 1920-2020”. Composta por  20 paneis situados en cinco cubos ao longo da avenida da Mariña, fronte ao edificio de A Terraza, poderase contemplar a vida e obra de Isaac Díaz Pardo. No primeiro cubo os paneis versarán sobre a cronobiografía do autor e a súa vinculación coas Cerámicas do Castro e o Museo Carlos Maside. Os cubos dous e tres mostraranos a faceta artística de Díaz Pardo en dez paneis, cinco para a etapa clásica e outros tantos para a etapa vangardista. Outro dos cubos servirá para mostrar o debuxo e outras disciplinas artíticas. Finalmente distintas pezas de porcelana creadas polo artista ocuparán os paneis finais da exposición.

Un acto no Auditorio da Casa da Cultura onde se ensalzou a vida e obra do fillo adoptivo de Sada, onde se proxectarán imaxes e un vídeo mostrando a vida do intelectual, participarán familiares e achegados de Isaac Díaz Pardo, a Asociación Cultural Irmáns Súarez Picallo e a agrupación musical Nova Troula.

https://www.sada.gal/ga/post/sada-celebra-o-centenario-de-isaac-diaz-pardo-