Alumnos traballando no Seminario durante as experiencias
Alumnos traballando no Seminario durante as experiencias

En 1972, dous anos despois da inauguración da planta circular da fábrica de cerámica de Sargadelos, foi creado o Seminario de Sargadelos, coa idea de centralizar nel todo o estudo, a investigación e a divulgación dos coñecementos e todo o espírito deseñístico e coordinador das empresas do Castro e Sargadelos, ao tempo que exercería a Secretaría do Conxunto Histórico Artístico de Sargadelos.

 

Foi creado para centralizar o estudo, a investigación e a divulgación dos coñecementos e todo o espírito deseñístico e coordinador das empresas do Castro e Sargadelos.

Mesa redonda sobre «Enclaves históricos». Nas Experiencias do ano 1985. Díaz Pardo, Fdez.-Albalat, Andrés Varela, Arcadio Blasco entre outros
Mesa redonda sobre «Enclaves históricos». Nas Experiencias do ano 1985. Díaz Pardo, Fdez.-Albalat, Andrés Varela, Arcadio Blasco entre outros
Andrés Varela, responsable do Departarmento de Tecnoloxía
Andrés Varela, responsable do Departarmento de Tecnoloxía

Dentro do propio Seminario, creáronse dous departamentos:

- un de Comunicación, dirixido por Isaac Díaz Pardo e encargado de todo o relacionado co deseño, as publicacións, as exposicións, a investigación histórica e a organización de seminarios e experiencias de tecnoloxía e escola libre de cerámica.

- e outro de Tecnoloxía, baixo a dirección de Andrés Varela, que tiña como obxectivo traballar na investigación de materiais e procedementos e no que contou coa colaboración estreita, entre outros, do químico-físico Carlos Rodríguez Baltar, e do profesor de Edafoloxía da Universidade de Santiago, Francisco Guitián Ojea. O primeiro, como asesor en proxectos de investigación na mellora e aproveitamento das materias primas galegas de aplicación na industria cerámica e, o segundo, a través do convenio asinado en 1973 entre o Seminario e o Departamento de Edafoloxía da Universidade compostelá, que deu como froito importantes traballos na caracterización dos materiais cerámicos e novas aplicacións destes na industria e na medicina.

Dentro do propio Seminario, creáronse dous departamentos: un de Comunicación, dirixido por Isaac Díaz Pardo, e outro de Tecnoloxía, baixo a dirección de Andrés Varela.

Cartel da XV Experiencia de Sargadelos, 1986
Cartel da XV Experiencia de Sargadelos, 1986
Cartel da exposición na XV Experiencia de Sargadelos, 1986
Cartel da exposición na XV Experiencia de Sargadelos, 1986

Hai que salientar tamén o labor do Seminario de Sargadelos como organizador anual das Experiencias de Tecnoloxía e da Escola Libre de Cerámica e de numerosas conferencias e seminarios nos que participaron destacados intelectuais galegos, españois e estranxeiros e nos que se trataron temas relacionados co deseño, coa arte, coa economía, coa empresa etc., como o dedicado en 1980 á sociedade da dilapidación (Necesidade e satisfacción) ou no que se tratou sobre a perspectiva global e a identidade local, organizado en 1998 en colaboración coa Domus Academy de Milán.

Gran parte das actividades do Seminario foron recollidas nos 96 títulos da colección Cadernos do Seminario de Sargadelos, que se publicaron entre 1972 e 1995 e que tratan sobre os distintos temas relacionados coa cerámica (materias primas, tecnoloxía, cerámicas de varios lugares e países, ceramistas), coa arte, coa arquitectura, coa etnografía, coa antropoloxía ou coa memoria histórica de Sargadelos.

O Seminario de Sargadelos foi organizador anual das Experiencias de Tecnoloxía e da Escola Libre de Cerámica entre 1972 e 1995.