Isaac no seu estudio do Castro modelando unha figura, 1956
Isaac no seu estudio do Castro modelando unha figura, 1956

A finais dos anos corenta, Díaz Pardo muda Madrid por Galicia e a pintura pola cerámica. Motivado na súa maioría por causas ideolóxicas, e no momento de máis éxito na súa carreira como pintor, decide abandonar todo o universo que rodea esa profesión e investir as súas ganancias como retratista en instalar un pequeno taller cerámico nas antigas cocheiras do pazo da familia da súa muller, Carmen Arias, no Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña). O resultado será a creación da fábrica de Cerámica do Castro.

A finais dos anos corenta, Díaz Pardo muda Madrid por Galicia e a pintura pola cerámica e monta un pequeno taller cerámico no Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña).

Portada de catálogo de pezas de Cerámicas do Castro
Portada de catálogo de pezas de Cerámicas do Castro

O obxectivo inicial era estudar os caolíns de Sargadelos para coñecer a súa calidade. Para enfrontarse a esta dura tarefa, Isaac contaba cos coñecementos adquiridos desde moi novo no taller de seu pai, a curiosidade que a lectura da obra de Felipe Bello Piñeiro, Cerámica de Sargadelos, espertara nel, sumado ao aprendido na Escola de Palma en Madrid. Para os comezos, contou ademais coa axuda de Jacinto Alcántara, director da Escola de Cerámica de Madrid, con quen se realizan os primeiros ensaios con resultados positivos.

En 1949 constitúese a primeira sociedade para crear a fábrica de Cerámicas do Castro, formada polo propio Díaz Pardo, Federico Nogueira Pazo e José Rey Romero como socios.

Catálogo xogo de café con relevo Anxos, Cerámicas do Castro, 1971
Catálogo xogo de café con relevo Anxos, Cerámicas do Castro, 1971

As primeiras pezas son unha continuación da pintura de Isaac trasladadas á porcelana: mulleres, anxos, cabalos, nus, decoradas en rosas, azuis, verdes e dourados de tirada limitada. Despois comézase cos primeiros servizos de mesa dunha finísima porcelana translúcida, de moitísima calidade.  As pezas do Castro empezan a comercializarse e resultan un éxito, e en 1952 a fábrica conta con 100 traballadores.

 

Ese pequeno taller dará como resultado a creación da fábrica de Cerámica do Castro. En 1949 constitúese a primeira sociedade e en 1952 a fábrica conta con 100 traballadores.

Ao tempo que a produción e o persoal crece, Isaac, ademais de actuar como director, ten que controlar a produción e resolver atrancos, inventando máquinas, fornos, procesos de fabricación e mesmo as normas de traballo que plasma en orixinais afiches.

Carteis autoría de Isaac coa filosofía de traballo nas fábricas
Carteis autoría de Isaac coa filosofía de traballo nas fábricas

O grande éxito conseguido no Castro traspasa fronteiras e Isaac é invitado desde A Arxentina a expoñer as súas cerámicas e a establecer, en terreos de Magdalena, a 108 km de Buenos Aires, unha fábrica de cerámica seguindo o modelo do Castro.

Iníciase unha etapa nova, que dura 13 anos, de 1955 a 1968, na que o empresario pasa o ano viaxando entre os dous continentes, deixando a cargo do Castro, nas súas ausencias, á súa muller e aos seus socios.

A experiencia do Castro traspasa fronteiras e Isaac é invitado desde A Arxentina a establecer unha fábrica de cerámica en terras de Magdalena, a 108 km de Buenos Aires.

Catálogo forma Portomarínica, Cerámicas do Castro, 1967
Catálogo forma Portomarínica, Cerámicas do Castro, 1967

As novidades tecnolóxicas e formais que se levan a cabo en Magdalena repercuten positivamente na modernización da fábrica do Castro e no propio Isaac, que consolidou e perfeccionou os seus coñecementos técnicos coma ceramista.

Iníciase unha etapa nova, que dura 13 anos, de 1955 a 1968, na que o empresario pasa o ano viaxando entre os dous continentes.

Catálogo forma Monférica, Cerámicas do Castro, 1967
Catálogo forma Monférica, Cerámicas do Castro, 1967

No 1963, ábrese unha nova nave de produción,  construída a partir dos planos do arquitecto Andrés Fernández-Albalat. Introducíronse tamén novidades en decoración, coa aparición das pezas con motivos ornamentais en relevo tallado na propia porcelana, inspirados na cultura e tradición de Galicia. Os decorados «portomarínica», «cuncha», «follas», «castrondóurica», «vilar de donas»… foron un grande éxito e moitos deles continúan a comercializarse hoxe en día.

As novidades tecnolóxicas e formais que se levan a cabo en Magdalena repercuten positivamente na modernización da fábrica do Castro e no seguinte proxecto: Sargadelos.

Toda esta experiencia sería clave para o seguinte proxecto de Isaac, esta vez da man de Luis Seoane e baixo o nome do Laboratorio de Formas: a recuperación de Sargadelos, no que Cerámicas do Castro sería clave mediante a achega de tecnoloxía, financiamento e persoal.

Seoane no seu estudio do Castro. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Seoane no seu estudio do Castro. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

A fábrica do Castro xunto á de Sargadelos seguirían funcionando baixo a dirección de Díaz Pardo ata que, a principios dos anos 2000, un movemento empresarial por parte dos outros socios o situarían fóra dos postos de control. Na actualidade, despois de moitos atrancos, os fornos do Castro e Sargadelos seguen en funcionamento cunha proposta máis comercial e menos cultural.