Isaac Díaz Pardo co seu pai e irmá na Casa da Tumbona, Santiago de Compostela, 1927.
Isaac Díaz Pardo co seu pai e irmá na Casa da Tumbona, Santiago de Compostela, 1927

Isaac Díaz Pardo nace en Santiago de Compostela o 22 de agosto do 1920 e morre na Coruña o 5 de xaneiro do 2011.

Fillo de Camilo Díaz Baliño, famoso escenógrafo, pintor e cartelista, o obradoiro de seu pai foi lugar de reunión por onde pasaron tres xeracións de políticos, intelectuais e artistas, entre eles Castelao e Luis Seoane.

Cartel deseñado por Isaac para a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, 1936
Cartel deseñado por Isaac para a campaña do plebiscito do Estatuto de Autonomía, 1936

Morte do seu pai no 1936

Neste ambiente artístico crece Isaac, que con 16 anos xa colabora axudando cos carteis a prol do Estatuto de autonomía. Nese mesmo ano, 1936, o seu pai é asasinado polos sublevados e a vida de Díaz Pardo cambia por completo: de neno republicano convértese nun mozo perseguido que terá que permanecer escondido durante 6 meses na casa dun familiar.

Tras a morte do seu pai, terá que permanecer escondido durante 6 meses na casa dun familiar.

Cando remata a guerra, Isaac, a súa nai e a súa irmá vivirán na Coruña, onde el comeza a traballar na empresa Bianchi, na que rotulaba diferentes carteis para empresas.

Madrid: Isaac pintor

Isaac Díaz Pardo diante do seu cadro Concerto de zanfona, 1939
Isaac Díaz Pardo diante do seu cadro Concerto de zanfona, 1939

Aínda que o seu soño sempre fora estudar Arquitectura, esta carreira non é posible na súa nova situación, polo que, grazas a unha bolsa, comeza os seus estudos de Belas Artes en Madrid, na Escola de San Fernando, onde realiza os catro cursos en só dous anos.

Na capital de España, Isaac fórmase como artista e comeza a destacar como pintor.

Concerto de zanfona, 1946
Concerto de zanfona, 1946

Obtén a bolsa Conde de Cartagena que lle permite ampliar estudos en Roma, Florencia e Siena. É elixido para participar na primeira experiencia en España de Deseño Industrial e, en 1942, acepta unha praza de profesor de debuxo na Escola de Sant Jordi en Barcelona, na Cátedra de Luis Muntané. Nos seguintes anos, realiza exposicións en Madrid, Barcelona, Londres, Zaragoza e Galicia, cun grande éxito que recolle a prensa do momento. Durante este tempo, mantén unha relación con Carmen Arias, Mimina, a quen coñecera no taller da súa tía Dolores Baliño  e con quen casará no 1945.

Paso da pintura á cerámica: nacemento de Cerámicas de O Castro

Isaac ceramista
Decorando unha figura no Castro de Samoedo, 1947.

Neste momento de pleno recoñecemento, Isaac decide romper con esta etapa de pintor e, sobre todo, co sector da sociedade máis acomodado que consumía a súa arte e experimentar a súa creatividade na disciplina cerámica.

Trasládase de Madrid a Galicia, ao Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña), onde monta un pequeno taller en terreos do pazo familiar da súa muller.

Ese laboratorio, onde se farán as primeiras probas con caolín da zona de Sargadelos, Cervo (Lugo), dará como resultado Cerámicas do Castro.

A finais dos anos corenta, a familia trasládase de Madrid a Galicia, ao Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña), onde Isaac monta un pequeno taller de cerámica.

Costureiras, porcelana do Castro, anos cincuenta.
Costureiras, porcelana do Castro, anos cincuenta.

Nun principio, arranca a produción con figuras decorativas na liña da pintura que Díaz Pardo mantivera nos seus cadros e, avanzando os meses, prodúcense os primeiros servizos de mesa. En poucos anos, o persoal chegaba case ás 100 persoas. Mimina, nai de tres fillos, colabora no taller de decoración e achega os seus coñecementos artísticos formando as rapazas da fábrica.

Isaac recibe unha invitación desde Arxentina para montar unha nova fábrica seguindo o modelo de O Castro.

O Castro convértese nun exemplo para seguir e o seu éxito traspasa fronteiras e chega ata A Arxentina, desde onde Díaz Pardo recibe unha invitación para montar unha fábrica similar ao Castro en terras de Magdalena, a 100 quilómetros de Buenos Aires.

A aventura americana: a Fábrica de Magdalena na Arxentina

Na fábrica de Magdalena (A Arxentina), 1958-59
Na fábrica de Magdalena (A Arxentina), 1958-59

En 1954, Isaac deixa a súa muller e os seus socios ao cargo da fábrica do Castro e emprende a súa viaxe a América. Alí inaugurará unha mostra das súas pinturas e cerámicas no Centro Galego de Buenos Aires, acto no que atopará moitos exiliados galegos.

Un deses encontros será clave para a traxectoria de Isaac, o encontro con Luis Seoane, que nese momento é un pintor de grande éxito na Arxentina.

Na Arxentina Díaz Pardo reencóntrase con Luis Seoane e xuntos emprenderán o gran proxecto do Laboratorio de Formas.

Portada do número 31 da revista Galicia Emigrante. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Portada do número 31 da revista Galicia Emigrante. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

Ambos mantiñan contacto polas colaboracións que Isaac enviaba á revista Galicia Emigrante.  A partir deste momento, as dúas personalidades comezarán o seu labor creador a prol da recuperación da cultura e da memoria de Galicia.

Luis Seoane e o Laboratorio de Formas

O Laboratorio de Formas, creado en 1963, será o nome que recibe o ente creativo baixo o que traballen os dous artistas  e, máis tarde, unirase o arquitecto Andrés Fernández-Albalat.

A finalidade do Laboratorio de Formas é reactivar e recuperar a cultura de Galicia.

O Laboratorio foi creado coa finalidade de reactivar a actividade cultural en Galicia e de recuperar as institucións desaparecidas no tempo, como o Seminario de Estudos Galegos, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, a fábrica de Sargadelos, e tamén de crear novas seguindo o mesmo obxectivo de recuperación, como o Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside, Ediciós do Castro, o Instituto Galego de Información, entre outros.

Sargadelos

Isaac e Seoane no Castro fotografiados por Eduardo Blanco-Amor, 1969. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Isaac e Seoane no Castro fotografiados por Eduardo Blanco-Amor, 1969. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

Díaz Pardo permanecerá entre Galicia e Buenos Aires 13 anos, de 1955 ata 1968. Magdalena botará a andar con grande éxito e Isaac cruzará 20 veces o Atlántico para atender ambas as fábricas e traballar arreo nun dos proxectos clave do LF: a fábrica en Sargadelos, que será inaugurada en 1970. Aos poucos meses, abandonará a relación coa fábrica de Magdalena.

A partir deste momento, Díaz Pardo e Luis Seoane levan a cabo un labor inmenso de recuperación da memoria en Galicia a través dos diferentes órganos creados polo LF. Seoane falece en 1979 e, a partir dese momento, Isaac continuará na mesma liña que ambos deseñaran, traballando para a continuidade dos proxectos do LF.

A fábrica de Sargadelos será inaugurada no 1970.

Xogo Vilar de Donas da Fábrica de Sargadelos.
Xogo Vilar de Donas da Fábrica de Sargadelos.

Díaz Pardo foi a personalidade máis galardoada de Galicia —foi Doutor Honoris Causa polas universidades de Santiago de Compostela e da Coruña, recibiu a Medalla de Ouro da Xunta de Galicia e foi nomeado Arquitecto de Honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia, entre outras moitas máis distincións— e un dos persoeiros máis queridos e populares da súa comunidade.

Díaz Pardo foi a personalidade máis galardoada de Galicia e unha das figuras clave para entender a Galicia contemporánea.

Isaac no seu estudo do Castro fotografiado polo arquitecto Alessandro Caramellino o 24/08/2009
Isaac no seu estudo do Castro fotografiado polo arquitecto Alessandro Caramellino o 24/08/2009

En 2001, Isaac e os seus achegados crean a Fundación Sargadelos, co obxectivo de estudar, divulgar e protexer a cultura industrial do Grupo Sargadelos. En 2006, Díaz Pardo é apartado do grupo de empresas que el mesmo creara como consecuencia dunha estratexia dos seus socios. Este cambio vital fai difícil os seus últimos anos de vida, anos en que o asolaga unha sensación de fracaso.

Considerado como unha das figuras claves para entendermos a Galicia contemporánea, o seu legado, e o de seu pai Camilo Díaz Baliño, permanece por vontade súa na Biblioteca da Cidade da Cultura de Santiago de Compostela.