Poeta, crítico literario e artístico e animador de importantes iniciativas culturais no exilio galego en México e Buenos Aires. Fillo de emigrantes, pasou os seus primeiros anos en Cuba e A Arxentina, e retornou coa familia en 1931, a Lugo, cidade na que cursou o bacharelato e participou na fundación das Mocidades Galeguistas.

Díaz Pardo co fotógrafo Horacio Coppola sostendo unha fotografía de Lorenzo Varela (autoría de Coppola), ca. 1960.
Díaz Pardo co fotógrafo Horacio Coppola sostendo unha fotografía de Lorenzo Varela (autoría de Coppola), ca. 1960.

A finais de 1934, marchou a Madrid para cursar estudos universitarios e alí integrouse nos ambientes culturais e literarios: asistiu ao faladoiro de Dieste, ingresou nas Misións Pedagóxicas, publicou os seus primeiros artigos na revista PAN e en 1936 comezou a colaborar como crítico literario no xornal El Sol. Durante a Guerra Civil, afiliouse ao Partido Comunista, foi comisario político no Quinto Rexemento e colaborou en publicacións como El Mono Azul, Hora de España ou Ahora.

 

Poeta, crítico literario e artístico e animador de importantes iniciativas culturais no exilio galego en México e Buenos Aires.

Rematada a guerra, exiliouse en México, onde traballou na revista Taller, de Octavio Paz, e fundou e codirixiu a revista Romance, na que colaboraron exiliados españois. En 1941, marcha para Buenos Aires. Alí, intégrase no grupo de exiliados galegos, que mantiñan un faladoiro no Café Tortoni, publica os seus libros de poesía (Torres de amor, Lonxe), exerce como crítico de arte, milita no Partido Comunista arxentino, traballa en distintas editoriais e participa na fundación, dirección e redacción de revistas como De mar a mar, Correo Literario (unha das empresas editoriais máis prestixiosas do exilio) e Cabalgata.

Lorenzo Varela participou na posta en marcha dun dos  proxectos do Laboratorio de Formas: o Instituto Galego de Información.

En 1976, regresou a Galicia e, logo dun recibimento cheo de frialdade e incomprensión, instalouse en Madrid, onde morreu dous anos despois. Durante este tempo, Lorenzo Varela participou na posta en marcha do proxecto do Instituto Galego de Información.

Paz Andrade, Lorenzo Varela e Luis Seoane nunha reunión sobre o proxecto do Instituto Galego de Información, na casa de Ramón Piñeiro, febreiro de 1977
Paz Andrade, Lorenzo Varela e Luis Seoane nunha reunión sobre o proxecto do Instituto Galego de Información, na casa de Ramón Piñeiro, febreiro de 1977

Nos anos posteriores á súa morte, Isaac Díaz Pardo publicou en Ediciós do Castro gran parte da súa obra, entre ela a edición facsímile da revista Correo Literario. Non deixa de ser curioso que os actos literario-musicais en homenaxe a Díaz Pardo que organiza a Academia Real Isaac Díaz Pardo na data do seu cabodano comecen sempre coa lectura dun poema de Lorenzo Varela: «Compañeiros da miña xeración mortos ou asasinados».