Foi un dos grandes escritores da chamada Xeración do 22 ou Xeración das Vangardas, un grupo de mozos poetas, estudosos, músicos, pintores e narradores que modernizaron o sistema cultural galego nos anos vinte e trinta do pasado século. Iniciouse como xornalista en Faro de Vigo, Galicia e El Pueblo Gallego durante a Ditadura de Primo de Rivera, anos nos que tamén viron a luz o seu libro de contos Dos arquivos do trasno (1926) e a comedia A fiestra valdeira (1927).
A partir de 1929, marcha a Madrid e comeza unha nova etapa como escritor en castelán: ingresa e participa activamente nas Misións Pedagóxicas, é bolseiro da Junta para Ampliación de Estudios, viaxa por Europa, colabora en distintas publicacións periódicas (PAN, Hoja Literaria, Nueva España) e publica obras de teatro (Viaje y fin de don Frontán, 1930), poesía (Rojo farol amante) e ensaio (La vieja piel del mundo, 1936). Durante a Guerra Civil, defende como escritor e combatente o Goberno da República: dirixe durante uns meses o Teatro Nacional, colabora en varias publicacións periódicas, especialmente en Hora de España, revista da que é fundador e redactor, e dirixe Nova Galiza.
Foi un dos grandes escritores da chamada Xeración do 22 ou Xeración das Vangardas e participou activamente nas Misións Pedagóxicas.
Ao remate da guerra, inicia coa súa muller, Carmen Muñoz, a etapa do exilio, que pasará primeiro en Bos Aires, onde participa no faladoiro de exiliados galegos do Café Tortoni e publica unha das súas obras máis coñecidas, Historias e invenciones de Félix Muriel (1942).
Logo, trasládase a Cambridge, como lector de español, época na que abandona a literatura para dedicarse sobre todo á filosofía e ás matemáticas, aínda que non deixa de colaborar en revistas como Correo Literario, impulsada polos seus compañeiros de exilio Luis Seoane, Arturo Cuadrado e Lorenzo Varela. Posteriormente, e tras pasar dous anos como profesor da Politécnica de Monterrei (México), volve en 1954 a Buenos Aires e reintégrase ao seu traballo na editorial Atlántida, participa na fundación da Agrupación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA) e nas inquedanzas e proxectos que arredor de Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo desembocan na creación do Laboratorio de Formas de Galicia.
Ao remate da guerra, inicia coa súa muller, Carmen Muñoz, a etapa do exilio, que pasará en Buenos Aires, Cambridge, México e Buenos Aires.
En 1961, regresa a Galicia e mantense apartado da miserable vida cultural e política do país, agás polo seu ingreso na Academia Galega e a súa colaboración no Laboratorio de Formas: pronuncia o discurso na inauguración do Museo Carlos Maside e participa na posta en marcha do proxecto do Instituto Galego de Información. En 1995, Ediciós do Castro publicou os dous primeiros volumes (poesía e narrativa, e epistolario) das súas Obras completas.