Luis Seoane de mozo. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Luis Seoane de mozo. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

Seoane López, Luis (Buenos Aires, 1910; A Coruña, 1979). Pintor, debuxante, ilustrador, cartelista, deseñador, escritor e dinamizador cultural, foi o intelectual e o artista máis sobranceiro do exilio galego e un dos máis grandes da Galicia do século XX.

Última páxina de Resol núm. 6, Hojilla volandera del pueblo, que facían e repartían gratis en Compostela Seoane e Arturo Cuadrado
Última páxina de Resol núm. 6, Hojilla volandera del pueblo, que facían e repartían gratis en Compostela Seoane e Arturo Cuadrado

Universidade e primeiros debuxos

Logo de regresar ao seis anos á Coruña cos seus pais, emigrantes en Buenos Aires, cursou o bacharelato e a carreira de Dereito en Compostela, onde iniciou, nos últimos anos vinte e durante os primeiros da Segunda República, a súa formación artística baixo a influencia das vangardas europeas da época, colaborando cos seus debuxos e gravados na revista Universitarios e nos semanarios Claridad e Ser e realizando as súas primeiras exposicións.

Foi o intelectual e o artista máis sobranceiro do exilio galego e un dos máis grandes da Galicia do século XX.

Luis Seoane e Mª Elvira Fernández Maruxa, na Coruña en 1934
Luis Seoane e Mª Elvira Fernández Maruxa, na Coruña en 1934

Tamén participou con debuxos e textos literarios noutras revistas galegas do momento, como Yunque, Alento, Nós e Resol; ilustrou libros de poemas de Cunqueiro, Feliciano Rolán e Iglesia Alvariño e militou activamente na Federación Universitaria Española, en Izquierda Republicana e no Partido Galeguista.

Cartel publicitario para Cinzano, Luis Seoane, 1953
Cartel publicitario para Cinzano, Luis Seoane, 1953

Vida en Buenos Aires

Tras o golpe militar de xullo de 1936, exiliouse na capital arxentina. Alí, en contacto coa modernidade e coas vangardas artísticas mundiais, foi onde se forxou como un gran teórico das artes plásticas e visuais e un gran pintor, gravador, ilustrador, deseñador e cartelista, expoñendo a súa obra en bienais internacionais e en mostras individuais en Europa e en América.

Tras o golpe militar de xullo de 1936, exiliouse na capital arxentina onde desenvolveu a súa carreira como pintor.

Tamén foi en Buenos Aires onde realizou a súa obra como escritor (poesía, ensaios e teatro) e dinamizador e divulgador da cultura galega. Neste sentido, hai que salientar o seu labor como director da revista Galicia, do Centro Galego de Buenos Aires; fundador con Arturo Cuadrado das coleccións Hórreo e Dorna, en Emecé Editores, e das editoriais Nova (1942) e Botella al mar (1947); das revistas Correo Literario (1943, con Cuadrado e Lorenzo Varela) e Galicia Emigrante (1954-1959, complementada cunha edición radiofónica do mesmo nome que se emitiu semanalmente ata 1971), co fundador da Asociación Galega de Universitarios, Escritores e Artistas (AGUEA; 1956) e fundador da Editorial Citania.

Seoane no seu estudio do Castro. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Seoane no seu estudio do Castro. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

Relación con Díaz Pardo: o Laboratorio de Formas

A partir dos anos sesenta, Luis Seoane pasa temporadas en Galicia e instálase coa súa muller Maruxa Fernández no Castro (Sada), onde lle prepara un estudio o seu amigo Isaac Díaz Pardo, co que desenvolverá un dos proxectos máis interesantes da Galicia do século XX, o Laboratorio de Formas (1963).

O reencontro con Isaac Díaz Pardo na Arxentina fará posible unha relación creadora que dará como resultado o Laboratorio de Formas.

Luis Seoane coa súa dona M.ª Elvira Fernández Maruxa durante a construción da planta circular de Sargadelos, 1969
Luis Seoane coa súa dona M.ª Elvira Fernández Maruxa durante a construción da planta circular de Sargadelos, 1969

Foi unha institución creada para impulsar o desenvolvemento cultural de Galicia e que comezará a súa actividade co renacemento da fábrica de cerámica de Sargadelos.

Outro proxecto era o Museo Carlos Maside, que tiña como obxectivo a reconstrución da historia da arte galega a partir do movemento artístico renovador que xurdira nos anos vinte do pasado século e que quedara interrompido pola Guerra Civil, ademais de converterse nun centro de información sobre as ideas estéticas de Galicia e os movementos da arte contemporánea universal.

O obxectivo do Laboratorio de Formas foi impulsar o desenvolvemento cultural de Galicia.

Seoane coa súa colección de xerras-cabeza, deseñada para Sargadelos a finais dos anos sesenta. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Seoane coa súa colección de xerras-cabeza, deseñada para Sargadelos a finais dos anos sesenta. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

Durante estes anos, Seoane colaborará activamente en Ediciós do Castro e mesmo realizará obras tan interesantes como a colección de 18 xerras-cabeza de cerámica de personaxes da historia medieval de Galicia (O Castro, 1967), produto da súa querenza polo medievo galego, presente en toda a súa obra literaria e artística, como unha época na que a acción colectiva do pobo ten un gran protagonismo, e da idea de converter a cerámica nun instrumento pedagóxico e de que a historia de Galicia se divulgase tamén nas tendas.