Díaz Pardo con Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell e Francisco Fernández del Riego nun acto no Museo, 1972
Díaz Pardo con Ramón Piñeiro, Domingo García Sabell e Francisco Fernández del Riego nun acto no Museo, 1972

A creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside foi o segundo dos proxectos que inaugurou o Laboratorio de Formas en 1970. O Museo, que leva o nome dun dos artistas máis importantes do movemento renovador da arte galega (ao parecer, idea de Rafael Dieste), estaba pensado, segundo Luis Seoane, para conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta do pasado século, a que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega e que era descoñecida a causa da morte, do exilio exterior ou interior e do esquecemento que sufriron gran parte dos seus membros logo da Guerra Civil e da instauración da ditadura franquista. Tamén se recollía no proxecto a conservación e a exhibición das obras dos artistas das xeracións posteriores.

A creación do Museo de Arte Contemporánea Carlos Maside foi o segundo dos proxectos que inaugurou o Laboratorio de Formas en 1970.

Cartel do Museo
Cartel do Museo

Ademais das funcións estáticas (salas de exposicións permanentes, arquivos e biblioteca), o proxecto pretendía facer funcións dinámicas, como a programación de exposición, conferencias, proxeccións de cine, e mesmo a creación da Barraca Carlos Maside, a imitación da Barraca Resol montada en Santiago durante a Segunda República, para expoñer obras de arte e dar conferencias polas vilas galegas.

O obxectivo do museo era conservar e exhibir, partindo de Castelao como xerme da renovación, as obras da arte galega da xeración de artistas dos anos trinta que rompeu coas normas tradicionais da plástica galega.

Cartel da exposición Picasso-Miró, 1971
Cartel da exposición Picasso-Miró, 1971

Para a creación do Museo asinouse un convenio entre o Laboratorio de Formas e Cerámicas do Castro  en febreiro de 1970 e, catro meses despois, o 18 de maio, cunha lección maxistral de Rafael Dieste, tivo lugar a inauguración en tres salas da primeira planta dun edificio provisional cedido por Cerámicas do Castro, onde se mostraron cento vinte pezas doadas das coleccións dos membros fundadores do Laboratorio de Formas.

 

A súa programación contaba, ademais de con exposicións,  con  conferencias, proxeccións de cine etc.

En 1971, ampliouse o Museo cunha nova sala dedicada a exposicións temporais, inaugurada cunha mostra de gravados de Picasso e Miró, á que lle seguiron outras dedicadas a Grosz, Alberto, Clavé, Solana, Guinovart e Bertolt Brecht.

Nas sesións de cine, dirixidas por Xosé Díaz,  mostráronse por primeira vez en Galicia filmes e documentais sobre o expresionismo, o dadaísmo ou o surrealismo.

Padroado do MCM: Andrés Fernández.-Albalat, Valentín Paz Andrade coa súa dona Pilar, Elena Montero, Maruxa Seoane, Domingo García Sabell, Rafael Dieste, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e Díaz Pardo, entre outros.
Padroado do MCM: Andrés Fernández.-Albalat, Valentín Paz Andrade coa súa dona Pilar, Elena Montero, Maruxa Seoane, Domingo García Sabell, Rafael Dieste, Francisco Fernández del Riego, Ramón Piñeiro e Díaz Pardo, entre outros.

Nestes primeiros anos, tamén hai que salientar o labor desenvolvido por Xosé Díaz, fillo de Díaz Pardo,  na programación das sesións de cine no Museo, nas que se mostraron por primeira vez en Galicia filmes e documentais sobre o expresionismo, o dadaísmo, o surrealismo, Le Corbusier, Picasso, o cinema experimental do polaco Jan Lenica, dos alemáns Walter Ruttman e Hans Richter e do iugoslavo Vlado Kristl. O dinamismo do Museo tamén se fixo visible nas conferencias de intelectuais galegos e nas publicacións de folletos de exposicións, carteis de mostras ou de libros, como os que lles dedicou Luis Seoane a Carlos Maside (1971) e George Grosz (1975), Rafael Dieste a Arturo Souto (1969) ou Xosé Díaz ao escultor Alberto Sánchez (1975).

En 1982, o Museo trasladou a súa sede definitiva ao edificio deseñado por Andrés Fernández-Albalat, unha construción de tres plantas, con doce salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo.

Actualmente, a colección consta de 2100 obras, 500 delas en exposición permanente nun edificio de 3 plantas, con 12 salas de exposicións e un auditorio deseñado por Díaz Pardo.

Exterior do Museo no complexo de Cerámicas do Castro
Exterior do Museo no complexo de Cerámicas do Castro

A colección consta de 2100 obras, 500 delas en exposición permanente. Na planta baixa, móstranse as obras de Castelao e do movemento renovador, as dos artistas e movementos desde a Guerra Civil ata a actualidade na segunda, mentres que a terceira está dedicada ao debuxo humorístico e ao cómic.