Foi un dos grandes personaxes do galeguismo do século XX, ademais de grande empresario, economista e técnico do sector pesqueiro, político, escritor e xornalista. Logo de estudar Dereito en Santiago, de colaborar en distintas publicacións periódicas galegas e de participar como soldado na guerra de Marrocos, dirixe o xornal galeguista Galicia (Vigo, 1922-1926), colabora desde a súa fundación na revista marítima Industrias Pesqueras e publica o seu primeiro libro sobre o sector pesqueiro.

Foi un dos grandes personaxes do galeguismo, ademais de grande empresario, economista e técnico do sector pesqueiro, político, escritor e xornalista.

Entre 1930 e 1934, milita activamente no galeguismo, primeiro no Grupo Autonomista de Vigo e logo no Partido Galeguista. Preséntase, sen éxito, por Pontevedra, na candidatura galeguista ás elección constituíntes republicanas e participa na redacción do Anteproxecto de Estatuto de Galiza do Seminario de Estudos Galegos. En 1936, ao tempo que colabora asiduamente en El Pueblo Gallego, volve presentarse sen éxito ás eleccións a Cortes por Pontevedra, na candidatura republicana de centro de Portela Valladares.

Paz Andrade, Lorenzo Varela e Luis Seoane nunha reunión sobre o proxecto do Instituto Galego de Información, na casa de Ramón Piñeiro, febreiro de 1977
Paz Andrade, Lorenzo Varela e Luis Seoane nunha reunión sobre o proxecto do Instituto Galego de Información, na casa de Ramón Piñeiro, febreiro de 1977

Tras o triunfo do golpe militar de xullo de 1936, sofre detencións e desterros durante varios anos, ata que volve instalarse en Vigo, onde exerce a avogacía, asume a dirección da revista Industrias Pesqueras e inicia unha intensa actividade no sector da pesca, que o converterá nun dos mellores profesionais da economía do mar con experiencia internacional como consultor da FAO, directivo e impulsor da empresa multinacional Pescanova e autor de excelentes publicacións sobre o sector.

Tras o triunfo do golpe militar de xullo de 1936, sofre detencións e desterros durante varios anos, ata que volve instalarse en Vigo, onde exerce a avogacía.

Ademais, hai que salientar o seu labor como escritor de ensaios socioeconómicos –Galicia como tarea é un dos mellores– nos que defendeu un desenvolvemento económico endóxeno como única vía de redención política do país, de notables libros de poemas, ensaios literarios ou da primeira e, no seu momento, gran biografía sobre Castelao.

Isaac Díaz Pardo forxou, desde os primeiros anos corenta, unha forte amizade con Paz Andrade ademais dunha grande admiración.

Convén citar, por último, a súa activa participación política na transición democrática: formou parte da Comisión dos Nove que negociou a reforma política con Adolfo Suárez e foi electo senador nunha candidatura democrática de esquerdas nas eleccións de 1977.

Paz Andrade, en pé acompañado de Díaz Pardo e Luis Seoane, entre outros, 1971
Paz Andrade, en pé acompañado de Díaz Pardo e Luis Seoane, entre outros, 1971

Isaac Díaz Pardo forxou, desde os primeiros anos corenta, unha forte amizade con Paz Andrade, por quen, segundo escribiu, sentiu unha grande admiración e do que aprendeu moito. En Ediciós do Castro, entre outras publicacións de e sobre Paz Andrade, viron a luz a biografía de Castelao (1982, 1986), un epistolario (1997), unha longa entrevista do xornalista Tucho Calvo (1998), e a edición facsímile do diario Galicia, cabeceira que Díaz Pardo rexistrou para o xornal que tiña pensado publicar desde o Instituto Galego de Información, proxecto no que colaborou, entre outros, Paz Andrade.