Debuxante, escritor e político, foi unha das figuras históricas máis importantes da primeira metade do século XX en Galicia e o gran líder do nacionalismo galego no exilio. Deputado polo Partido Galeguista nas lexislaturas de 1931 e 1936, impulsou no exilio a constitución do Consello de Galicia (1944), que presidiu, e foi nomeado en 1945 ministro sen carteira do Goberno da República encabezado por Giral.
Debuxante, escritor e político, foi unha das figuras históricas máis importantes da primeira metade do século XX en Galicia.
Ademais da súa xenialidade como debuxante, que plasmou na prensa da época e en álbums coma Nós (1919), Galicia mártir, Atila en Galicia (ambos de 1937), Milicianos (1938) e Debuxos de negros (1939), hai que salientar a súa faceta literaria en obras como Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete (1922), os dous libros de Cousas (1926, 1929), Cincoenta homes por dez reás (1930), Retrincos (1934), Os dous de sempre (1934) e Os vellos non deben namorarse (peza teatral estreada en Buenos Aires, en 1941).
Foi o gran líder do nacionalismo galego no exilio.
Tamén cómpre salientar os seus estudos sobre As cruces de pedra na Bretaña (1930) e As cruces de pedra na Galiza (1950), así como o seu ensaio Sempre en Galiza (1944; 1961, 2.ª edición, póstuma e ampliada), no que sintetizou o seu pensamento político e que acadou durante moito tempo a condición de biblia do galeguismo.
O mozo Isaac Díaz Pardo coñeceu e tratou a Castelao nas xuntanzas e faladoiros que os galeguistas facían no taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño. Alí traballou na campaña de propaganda do Estatuto de autonomía en 1936, e confeccionou dous carteis orixinais, e mesmo axudou a reproducir os doutros artistas, entre eles os dous deseñados por Castelao.
Díaz Pardo coñeceu e tratou a Castelao de mozo, nas xuntanzas e faladoiros que os galeguistas facían no taller do seu pai, Camilo Díaz Baliño.
Ao longo da súa vida, Díaz Pardo manifestou unha grande admiración polo pensamento e a obra de Castelao. De feito, reivindicou a miúdo a súa figura en artigos na prensa, publicou en Ediciós do Castro libros de distintos estudosos sobre a súa vida e obra, adquiriu algunhas das súas obras para o Museo Carlos Maside, custodiou a documentación do Consello de Galicia, incorporou ás empresas a tipografía deseñada por Castelao e impulsou a realización da colección de figuras de Sargadelos que reproducen os personaxes da Santa Compaña de ilustres galegos que o rianxeiro nomeou no seu discurso Alba de Gloria.