Doutor arquitecto pola Escola Técnica Superior de Arquitectura de Madrid, foi profesor da Escola Técnica Superior de Arquitectura da Universidade da Coruña; decano do Colexio de Arquitectos de León, Asturias e Galicia; decano fundador do Colexio de Arquitectos de Galicia; académico numerario de Real Academia Galega e da Real Academia de Doutores e correspondente da Real Academia de Belas Artes de San Fernando.
Andrés Fernández-Albalat foi un referente da arquitectura galega da segunda metade do século XX, autor de obras tan importantes como a fábrica e as oficinas de Coca-Cola (1960), a filial de Seat (1964), o convento de Padres Pasionistas (1965) e a Sociedade Deportiva Hípica (1967), as catro na Coruña, as vivendas para pescadores en Sada (1967), a fábrica de Sargadelos (1967), as facultades de Matemáticas e Bioloxía da Universidade de Santiago (1978), a piscina cuberta de Santa Isabel en Compostela (1982), o Centro de Cálculo e Servizos de Caixa Galicia (1983), o Conservatorio da Coruña (1985), a Facultade Ciencias da Educación da Universidade coruñesa, o Estadio Multiusos de San Lázaro (hoxe Estadio Vero Boquete) en Santiago (1993) e a rehabilitación do Castelo de Monterrei (1996).
Autor de obras tan importantes como a fábrica e as oficinas de Coca-Cola (1960), a filial de Seat (1964) ou a fábrica de Sargadelos (1967)
Como urbanista, foi autor dun dos proxectos máis ambiciosos e vangardistas da planificación conxunta do territorio entre A Coruña e Ferrol, que bautizou no seu día como La Ciudad de las Rías.
Entre os recoñecementos que obtivo polo seu labor como arquitecto hai que sinalar a Medalla Castelao (1994), a Medalla de Ouro da Universidade da Coruña (2007), o Premio ARQano (2008) e o Premio Galego de Arquitectura á Traxectoria Profesional da Xunta de Galicia (2016) pola súa obra arquitectónica e urbanística e polo seu labor como dinamizador da cultura de Galicia.
Andrés Fernández-Albalat sumouse, ao pouco de ser creado por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, ao proxecto do Laboratorio de Formas
Andrés Fernández-Albalat sumouse, ao pouco de ser creado por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, ao proxecto do Laboratorio de Formas. Ademais de colaborar en moitas das actividades que levou a cabo o Laboratorio, Albalat foi autor do edificio da fábrica de Sargadelos e proxectou tamén o do Museo Carlos Maside (1970).