Biblioteca do Instituto Galego de Información. Fotografía de María Lojo
Biblioteca do Instituto Galego de Información. Fotografía de María Lojo

A relación de Díaz Pardo coa arquitectura foi definida por el mesmo como unha ironía dentro da súa vida. Aínda que non puido estudar a carreira, construíu un mundo arquitectónico de vangarda nas empresas do grupo Sargadelos e acabou recibindo o nomeamento de Arquitecto de Honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2001.

O soño de Díaz Pardo era estudar arquitectura, pero as circunstancias da súa vida —o asasinato de seu pai a mans dos sublevados cando el tiña 16 anos— obrigárono a mudar os plans. Despois dunha dura etapa na que permaneceu escondido na casa dun familiar na Coruña, decide marchar a Madrid e estudar Belas Artes, ante a imposibilidade de asumir os custos que supuñan os estudos de arquitectura.

Aínda que Díaz Pardo non puido estudar a carreira, construíu un mundo arquitectónico de vangarda nas empresas do grupo Sargadelos.

Auditorio do Instituto Galego de Información. Fotografía de María Lojo
Auditorio do Instituto Galego de Información. Fotografía de María Lojo

O propio Díaz Pardo en 2001, co gallo do nomeamento do COAG, explica como foran os seus inicios neste eido:

«Polo 46 tiven que facer un local para estudo no Castro de Samoedo, e fíxose como se facían nese tempo as casas nas aldeas, por pura intuición e coa axuda dun albanel e dun carpinteiro. A continuación, fíxose no mesmo lugar a primeira fábrica de cerámica, incluídos fornos e máquinas, agora coa axuda dun ferreiro, e todo se fixo coa mesma filosofía coa que se construíra o estudo. De aí foi nacendo todo o demais. Polo 55 tiven que emigrar, onde por forza houben de perfeccionar a miña filosofía construtiva e, ao volver, coa axuda de profesionais, arquitectos, químicos, enxeñeiros e avogados, foise facendo o que se fixo, sen que eu deixase de importunalos.»

Acabou recibindo o nomeamento de Arquitecto de Honra polo Colexio de Arquitectos de Galicia no ano 2001.

Escaleira no Instituto Galego de Información. Fotografía de Luis Díaz
Escaleira no Instituto Galego de Información. Fotografía de Luis Díaz

Así, Isaac, que non foi arquitecto de formación, foi responsable de cada espazo dentro do grupo Sargadelos e planificou, en colaboración con outros arquitectos, edificios, corredores, exposicións, mobles e plantas. Andrés Fernández-Albalat, quen formaba parte do Laboratorio de Formas xunto con Isaac e Luis Seoane, foi o que máis colaborou con Díaz Pardo nos proxectos do grupo Sargadelos. Albalat asina a planta circular de Sargadelos e o Museo Carlos Maside.

Isaac foi responsable de cada espazo dentro do grupo Sargadelos e planificou, en colaboración con outros arquitectos, edificios, corredores, exposicións, mobles e plantas

Auditorio do Castro de Samoedo
Auditorio do Castro de Samoedo

O arquitecto Manuel Gallego Jorreto define a obra arquitectónica de Isaac como «arquitecturas» e xustifica esa denominación pola grande intencionalidade estética que chama a atención e que pon de manifesto a gran capacidade creativa do artista.

Por outra banda, Daniel Beiras fala da arquitectura do grupo Sargadelos como un mundo completo, onde se xuntan o universo creativo de formas de Isaac coa sabedoría espacial dos arquitectos.