Estudos e primeiros pasos

Díaz Baliño no seu estudo, 1921
Díaz Baliño no seu estudo, 1921

Camilo Buenaventura Díaz Baliño, escenógrafo, pintor e ilustrador, foi un dos deseñadores de decorados máis importantes de Galicia na súa época. Naceu en Ferrol o 15 de xullo de 1889 e morreu ás mans dos sublevados o 14 de agosto do 1936. Era o maior dos seus irmáns —Indalecio, Germán, Ramiro, Camila, Joaquín e Dolores—, moitos deles artistas. Realizou os seus primeiros estudos na Coruña, no colexio Dequit e na Escola de Artes e Oficios.

Foi un dos escenógrafos máis importantes de Galicia na súa época.

Con 16 anos, consegue unha bolsa da Deputación Provincial da Coruña para estudar en Madrid artes plásticas, pero as dificultades económicas obrígano a volver á Coruña. Tres anos máis tarde regresa á capital, esta vez contratado polo Ministerio de Gracia y Justicia, estuda Escenografía e logra a praza para este posto, o que o fai viaxar por España e Europa, onde acada unha importante experiencia e formación nesta materia.

Despois de estudar en Madrid, viaxa por Europa, onde acada unha importante experiencia e formación coma escenógrafo.

Taller de escenografía de Díaz Baliño (1921)
Taller de escenografía de Díaz Baliño (1921)

De regreso á Coruña, empeza a recibir recoñecementos polos seus traballos escenográficos, consegue a praza de delineante na Deputación da Coruña, á vez que realiza labores de decoración e escenografía no taller artístico que monta cos seus irmáns Lolita, Indalecio e Germán. Esta bonanza económica permítelle casar no ano 1912 con Antonia Pardo Méndez.

Traslado a Compostela: Relación con Isaac Fraga

No ano 1916, empeza a súa relación laboral con Isaac Fraga Penedo, importante empresario do cine e do teatro que o converte en responsable da Fábrica de Propaganda y Ambientación Artística.

A unión coa empresa Fraga provocará que no ano 1920 a familia se traslade a Compostela, onde nacerá o seu fillo Isaac.

Esta unión provocará que no ano 1920 a familia se traslade a Compostela, onde Camilo establecerá o seu taller na Casa da Tumbona, na rúa das Hortas, onde nacerá ese mesmo ano o seu fillo Isaac, apadriñado polo empresario.

Cartel das festas patronais de 1935
Cartel das festas patronais de 1935

A empresa Fraga chegará a contar con 64 locais de espectáculos en toda España e ata cun semanario propio de publicidade que leva por título Luz, dirixido e deseñado por Camilo, pero unha mala decisión económica do seu propietario producirá a súa quebra definitiva no 1924.

A partir deste momento, Díaz Baliño comezará a dar clases de debuxo na Academia Gelmírez e solicita a praza como delineante do Concello de Santiago, ao tempo que realiza os carteis das festas do Apóstolo e as portadas da colección de novelas curtas Lar. Como escenógrafo da Coral de Ruada, viaxa por América durante cinco meses do ano 1931. Durante esta ausencia, Camilo cédelle o seu taller ao seu amigo Ánxel Casal para instalar alí a imprenta Nós, polo que a súa muller e os seus fillos se trasladan a unha nova vivenda na rúa Carretas.

En plena campaña do estatuto de autonomía, o taller do escenógrafo funcionará como órgano de produción e difusión da causa.

1936

Camilo Díaz Baliño, cos seus fillos Isaac e Mercedes e a súa muller Antonia Pardo nunha das súas derradeiras fotografías, 1936
Camilo Díaz Baliño, cos seus fillos Isaac e Mercedes e a súa muller Antonia Pardo nunha das súas derradeiras fotografías, 1936

En 1936, Ánxel Casal será nomeado alcalde de Santiago, e Camilo será un dos seus colaboradores de confianza. En plena campaña do estatuto de autonomía, o taller do escenógrafo funcionará como órgano de produción e difusión da causa. No mes de agosto, co triunfo do alzamento militar, Camilo será detido e trasladado ao cárcere para ser asasinado a madrugada do 14 de agosto dese ano en Palas de Rei.

Co triunfo do alzamento militar, Camilo será detido, trasladado ao cárcere e asasinado a madrugada do 14 de agosto dese ano en Palas de Rei.

Días antes de ser inmolado, Camilo envía ao seu fillo Isaac desde o cárcere un papel con este poema premonitorio do seu destino:

Prendinlle na cabeza do meu fillo,
unha estreliña
forxada na irmandá
e quero ver brillar á lus d´esa estreliña
hastra chegar cegar.
Que vexan os demai n´esa estreliña
a luz da Libertá.
Que vexan que o tesouro máis querido
o ten o seu brilar.
Estreliña feituca de cariños,
estrela do meu lar,
que sempre te levei como reliquia
da Terra, Dios e Nai,
xa te deixo prendida no meu fillo
para sempre endexamais”.

Obra

Cartel de Díaz Baliño para a campaña electoral do Estatuto de Autonomía, 1936
Cartel de Díaz Baliño para a campaña electoral do Estatuto de Autonomía, 1936

Seguindo a Luis Seoane na súa biografía sobre Camilo Díaz, o escenógrafo pertence ao grupo de creadores influídos pola art noveau, tales como Castelao ou Federico Ribas.

Entre a súa numerosa obra destaca: La reina Lupa de Manuel Vidal, Lubicán y Trebón de Armando Cotarelo, Raíña e o fidalgo de San Luis Romero, O Mariscal e A man da santiña de Cabanillas e Antón Vilar Ponte. Como artista gráfico, fixo ilustracións para as coleccións de obras literarias como Lar e Céltiga e para periódicos como A Nosa Terra, así como para publicacións galegas de América (Galicia, Terra galega, El despertar gallego…). En 1929, escribe e ilustra Conto de guerra.

O seu taller-museo-estudo-biblioteca foi un punto de encontro onde se xuntaban intelectuais e artistas de tres xeracións.

Retrato de Ánxel Casal feito na cadea por Díaz Baliño pertencente ao álbum de 27 debuxos dos seus compañeiros de cela no 1936
Retrato de Ánxel Casal feito na cadea por Díaz Baliño pertencente ao álbum de 27 debuxos dos seus compañeiros de cela no 1936

Pertencente ás Irmandades da Fala e ao Seminario de Estudos galegos, o seu taller-museo-estudo-biblioteca foi un punto de encontro onde se xuntaban intelectuais e artistas de tres xeracións para debater e consultar as publicacións europeas que el coleccionaba: Castelao, Ánxel Casal, Luis Seoane, Fernando Fernández del Riego, o arquitecto Constantino Candeira, o fundador do Partido Comunista José Silva, o profesor José Teijeiro, Asorey, Uxío Souto, Arturo Cuadrado, Antón Fraguas, Vicente Risco, Otero Pedrayo, Porteiro, Ramón Cabanillas, A. Villar Ponte, Leandro Carré, Paz-Andrade, Bouza Brey, Blanco Amor, Álvaro Casas, Peña Novo e o deputado galeguista Ramón Suárez Picallo, entre outros.

Legado

O seu legado foi reunido polo seu fillo Isaac Díaz Pardo e cedido, no 2011, á Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura de Galicia. Pode consultarse na biblioteca virtual Galiciana.

Está formado por 200 fotografías, relatos, unha pequena biblioteca, 10 álbums que recollen toda a súa actividade profesional en América, ademais dun centenar de cartas, documentos persoais e os debuxos dos seus compañeiros de cela, realizados na cadea días antes de morrer.