Carmen Arias de Castro Montero, coñecida como Mimina, naceu o 15 de abril de 1921 e finou o 1 de novembro de 2013.

Debuxante, acuarelista e responsable da liña de xoias de porcelana de Sargadelos, foi a compañeira de Díaz Pardo durante máis de 70 anos.

Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina", anos cincuenta
Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina", anos cincuenta

Debuxante, acuarelista e responsable da liña de xoias de porcelana de Sargadelos, foi a compañeira de Díaz Pardo durante máis de 70 anos. Desde que se coñeceran de mozos, Mimina foi crucial nos momentos máis importantes da vida de Isaac: na súa etapa de pintor en Madrid, nos inicios do Castro, na posta en marcha de Magdalena e no nacemento de Sargadelos e, ademais, foi a nai dos seus tres fillos e a anfitrioa ideal de cantas visitas recibían na súa casa.

Infancia e estudos

De familia conservadora e católica, terceira de catro irmáns, os seus pais eran o avogado Alicio Arias de Castro e Blanca Montero de Doiztúa. A familia pasaba os invernos no centro da Coruña e os veráns no seu pazo do Castro de Samoedo, Sada (A Coruña). Desde moi nova, comezou a recibir clases de debuxo e acuarela coa pintora Dolores Díaz Baliño, onde coñeceu a Isaac Díaz Pardo, sobriño da artista.

Inicios da relación con Isaac e matrimonio

Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina" o día do seu casamento, 1945
Isaac Díaz Pardo e Carmen Arias "Mimina" o día do seu casamento, 1945

Mimina manterá durante anos unha forte amizade con Lolita, a súa profesora, e será a súa axudante nas clases de debuxo no Instituto Eusebio da Guarda da Coruña, e máis tarde serán compañeiras na Escola de San Fernando de Madrid para estudar Belas Artes nunha modalidade semipresencial. Neste momento, ela e Isaac manteñen unha relación de noivos e aproveitan para verse nas viaxes que ela fai a Madrid, onde el reside. O seu pai non aproba a marcada tendencia política de esquerdas do pintor e impide eses encontros, o que supón que Carmen non poida rematar a súa carreira.

Mimina casa con Díaz Pardo no 1945  e trasládase a vivir a Madrid para compartir a súa vida de pintor  na capital.

Carmen Arias con Isaac e os seus tres fillos, anos cincuenta
Carmen Arias con Isaac e os seus tres fillos, anos cincuenta

Fiel ao seu carácter, Mimina casa con Díaz Pardo no 1945  e trasládase a vivir a Madrid para compartir a súa vida de pintor  na capital.

Despois de participar nalgunha mostra colectiva e de acadar algún premio, o nacemento dos seus tres fillos en pouco máis de tres anos obrígana a abandonar pouco a pouco a súa actividade artística.

O seu papel nas empresas

Mimina na fábrica de Magdalena, A Arxentina, no 1959
Mimina na fábrica de Magdalena, A Arxentina, no 1959

De volta a Galicia, no 1949, instálanse no pazo da súa familia no Castro de Samoedo, en Sada, onde Díaz Pardo comezará un laboratorio cerámico que dará orixe a Cerámicas do Castro. O seu papel será esencial nesta andaina, e os seus coñecementos lévana a montar o taller de decoración das porcelanas.

O Castro será un éxito e Isaac é invitado a crear unha fábrica de cerámica en Magdalena, a 108 quilómetros de Buenos Aires, mentres Mimina quedará a cargo do Castro e dos tres fillos. No 1958, reunirase co seu marido en Magdalena, onde se encargará de novo do taller de decoración, formando as traballadoras.

Mimina foi crucial nos momentos máis importantes da vida de Isaac: nos inicios do Castro, na posta en marcha de Magdalena e no nacemento de Sargadelos.

Esta etapa é especialmente dura para ela, lonxe da súa terra, sen os seus fillos e viaxando constantemente.

Luis Seoane, Mª Elvira Fernández “Maruxa”, Isaac Díaz Pardo e Mimina en Santiago de Compostela, 1963
Luis Seoane, Mª Elvira Fernández “Maruxa”, Isaac Díaz Pardo e Mimina en Santiago de Compostela, 1963

Maruxa, a muller de Luis Seoane, será unha amiga importante para ela nestes anos, amizade que durará para sempre.

A finais dos anos 60, por fin remata a aventura americana e as forzas concéntranse no nacemento en Lugo da Fábrica de Sargadelos en 1970. De novo Mimina colabora no departamento de decoración e crea as Placas María, unha liña de xoias de porcelana pintadas minuciosamente á man que resultan un éxito.

Documentalista

Lorenzo Varela, Carmen Arias “Mimina” e Isaac Díaz Pardo no Castro de Vigo, 1977
Lorenzo Varela, Carmen Arias “Mimina” e Isaac Díaz Pardo no Castro de Vigo, 1977

Durante toda a vida que pasaron xuntos, Mimina construíu un arquivo impresionante da traxectoria do seu home, desde álbums de recortes de prensa desde que Isaac empezara a despuntar coma pintor, ata as últimas entrevistas antes de falecer. Este esforzo é un síntoma máis do compromiso que mantivo con Díaz Pardo: compañeira de viaxe, de vida, de éxitos e de fracasos.

 

O compromiso que mantivo con Díaz Pardo era total: compañeira de viaxe, de vida, de éxitos e de fracasos.