Para abordarmos a relación de Díaz Pardo coa pintura, é necesario situar as orixes co vivido por Isaac no taller de seu pai durante a súa infancia. Camilo Díaz Baliño, importante escenógrafo, botaba man do seu fillo para que lle axudase en diversos labores e cómpre destacar a súa participación nos carteis en prol do Estatuto de autonomía, en 1936. Durante eses anos, Isaac soñaba con estudar arquitectura, pero o drama vivido na familia tras o asasinato de seu pai ás mans dos sublevados en xullo de 1936 condicionará a súa elección de estudar Belas Artes, unha carreira máis barata.

Para abordarmos a relación de Díaz Pardo coa pintura, é necesario situar as orixes co vivido por Isaac no taller de seu pai durante a súa infancia.

Isaac Díaz Pardo diante do seu cadro Concerto de zanfona, 1939
Isaac Díaz Pardo diante do seu cadro Concerto de zanfona, 1939

Durante os primeiros tempos da guerra, Isaac permaneceu escondido durante 6 meses na casa de seu tío Indalecio, na Coruña. Despois comezou a traballar como peón na Casa Bianchi, onde realizaba labores de rotulación.

A barca de Caronte, 1947
A barca de Caronte, 1947

En 1939, grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña, trasládase a Madrid e inicia os seus estudos de Belas Artes, na Escola Superior de Artes Plásticas de San Fernando. Alí axiña destacará como alumno traballador e avantaxado, e realiza os catro cursos en dous. No ano 1941, Isaac é elixido para participar nunha experiencia sobre deseño industrial, dirixida por Carlos Sáinz de Tejada, non moi produtiva, pero si clave para espertar os seus intereses no deseño industrial e na cerámica. Díaz Pardo completará a súa formación cunha viaxe de estudos no ano 1942 a Italia, logo abandonará Madrid para se trasladar a Barcelona, onde traballará como profesor auxiliar de debuxo na Escola de Belas Artes de Sant Jordi.

En 1939, grazas a unha bolsa da Deputación da Coruña, trasládase a Madrid a estudar  Belas Artes.

Isaac Díaz Pardo pintando un retrato, 1943
Isaac Díaz Pardo pintando un retrato, 1943
Exposición na Sala Gaspar de Barcelona, 1947
Exposición na Sala Gaspar de Barcelona, 1947

Nesta época, Isaac dedica o seu tempo a pintar por encarga, sobre todo retratos para familias adiñeiradas, e a expoñer a súa obra dentro e fóra do país, con grande éxito de crítica:
1939 – Asociación de Artistas da Coruña
1944 – Casino de Vigo
1946 – Salóns Macarrón e Sala de Arte Greco, Madrid
1947 – Sala Gaspar, Barcelona
1947 – Da Vinci Gallery Limited, Londres
1948 – Círculo de Belas Artes, Madrid
1949 – Sala Gaspar, Barcelona
1949 – Sala Gaspar, Zaragoza

A década de 1940, PRIMEIRA ETAPA dentro da súa obra pictórica, será definida pola especialista M.ª Luisa Sobrino como etapa académica. A súa obra estará moi influenciada polos clásicos dos séculos XV e XVI, cunha presenza importantísima da figura da muller, constante co paso dos anos, xunto a bodegóns e grandes composicións.

Neste momento de éxito da súa carreira, Díaz Pardo decide abandonar este tipo de pintura para explorar outras formas de creatividade. As causas deste abandono, moitas veces comentadas, podemos resumilas como unha mestura de cuestións ideolóxicas, o esgotamento da corrente artística e a influencia das novas vangardas.

Neste momento de éxito da súa carreira, Díaz Pardo decide abandonar este tipo de pintura para explorar outras formas de creatividade.

O propio artista, nun texto titulado «O meu cabalete», incluído en Unha presa de debuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro (Buenos Aires, 1956), explica moi ben as razóns deste abandono.

Os especialistas definen tres etapas dentro da súa pintura: académica, outra influenciada polos renovadores e a terceira chamada americana.

Seguindo a María Ruído, podemos establecer a partir de aquí dúas etapas posteriores na obra pictórica de Díaz Pardo:

Adan e Eva, 1962. Colección particular
Adan e Eva, 1962. Colección particular

SEGUNDA ETAPA, do ano 1949 a 1955. Desenvólvese fóra dos ámbitos profesionais e caracterízase pola influencia do grupo dos renovadores galegos, especialmente por Maside e Colmeiro, ademais de Renoir e Cezanne. Tematicamente segue instalado na figura da muller asociada á nai, á patria e á fertilidade.

A nave espacial, 1964
A nave espacial, 1964

Etapa americana, do ano 1955 a 1971. Etapa na que pon en marcha a fábrica Magdalena, con estancias en Buenos Aires. Experimenta unha importante evolución estética influenciada polo contacto directo coa arte internacional e con Luis Seoane. Aborda a temática social, na que aparecen traballadores, campesiños… e xoga con cores planas, liñas rectas e siluetas ben definidas.

1961. Xente alporizada

1962. Nu

1962-1971. Subetapa dentro da anterior, caracterizada polo uso da temática escatolóxica (morte, relixión…) e do mundo da parella.

1964. Estudos e variacións sobre unha dobre crucifixión

1964. A nave espacial

1967. Dobre crucifixión

Isaac realizará a súa derradeira exposición, titulada «Pinturas e fracasos», no ano 2011, na Casa da Parra de Santiago de Compostela.

Xentes que ollan, 1971 (a derradeira pintura que fixo Díaz Pardo). Óleo sobre lenzo, 43 x 43 cm
Xentes que ollan, 1971 (a derradeira pintura que fixo Díaz Pardo). Óleo sobre lenzo, 43 x 43 cm

Isaac realizará a súa derradeira exposición, titulada «Pinturas e fracasos», no ano 2011, na Casa da Parra de Santiago de Compostela. Exposición na que fará balance da súa traxectoria, con obras que van desde 1944 ata 2004. A maioría da súa obra consérvase en coleccións particulares e nas coleccións da Fundación Abanca e da Deputación da Coruña.