Vista do edificio da escaleira do LICSL
Vista do edificio da escaleira do LICSL

Como ten contado Isaac Díaz Pardo, a creación a finais dos anos setenta do pasado século dunha institución como o Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSL) no Castro de Samoedo foi produto da necesidade de aloxar a crecente actividade editorial e de extensión cultural que levaba a cabo o Seminario de Sargadelos e que se coordinaba desde o Departamento de Comunicación.

 

A creación do Laboratorio de Industria e Comunicación (LICSL) no Castro de Samoedo foi produto da necesidade de aloxar a crecente actividade editorial e de extensión cultural que levaba a cabo o Seminario de Sargadelos.

Imprenta Moret situada no complexo do Castro
Imprenta Moret situada no complexo do Castro

O edificio da nova institución, de 4000 m² entre baixo e catro plantas, levantado a carón da fábrica do Castro e do Museo Carlos Maside, acolleu a editorial Ediciós do Castro; a empresa Gráficas do Castro/Moret, que incorporaba ao Grupo Sargadelos a Imprenta Moret, encargada da impresión dos libros da editorial desde que esta comezara a súa andaina en 1963; o Laboratorio Xeolóxico de Laxe de Isidro Parga Pondal; a Galería do Castro e, desde outubro de 1978 a 1982, a sala de exposicións e os fondos do Museo Carlos Maside antes de que foran para a súa sede definitiva.

O edificio estaba situado a carón da fábrica do Castro e do Museo Carlos Maside e acollía a editorial Ed. do Castro, a empresa Gráficas do Castro/Moret, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe de Isidro Parga Pondal a Galería do Castro e os fondos do Museo Carlos Maside.

O xeólogo Isidro Parga Pondal, primeiro pola esquerda, en Mina Sonia (bautizada así polo nome da súa neta), na costa de Lugo
O xeólogo Isidro Parga Pondal, primeiro pola esquerda, en Mina Sonia (bautizada así polo nome da súa neta), na costa de Lugo

O Laboratorio Xeolóxico de Laxe, fundado cara a 1940 na vila coruñesa de Laxe polo xeólogo Isidro Parga Pondal logo da súa expulsión da Cátedra de Xeoquímica da Universidade de Santiago tras o triunfo do golpe militar de 1936, foi trasladado ao edificio do Laboratorio de Industria e Comunicación do Castro en 1978. Nese ano, ao morrer o secretario da institución e fillo de Parga Pondal, este pediulle ao seu amigo e colaborador Carlos Baltar que buscase unha institución que acollese o Laboratorio. Baltar, membro do novo Seminario de Estudos Galegos e colaborador do Seminario de Sargadelos, conseguiu o apoio incondicional desta última institución.

O Laboratorio Xeolóxico de Laxe, fundado cara a 1940 polo xeólogo Isidro Parga Pondal foi trasladado ao edificio do Laboratorio de Industria e Comunicación do Castro en 1978.

Creouse unha fundación formada pola familia Parga Pondal, a Área de Xeoloxía do Seminario de Estudos Galegos  e o Seminario de Sargadelos, que decidiu trasladar os fondos ao edificio do Laboratorio de Industria e Comunicación do Castro e dotar a institución con persoal técnico para ordenar e catalogar os seus arquivos.

O profesor de Xeoloxía Iñaki Gil Ibarguchi dando unha conferencia
O profesor de Xeoloxía Iñaki Gil Ibarguchi dando unha conferencia

A partir da súa instalación no Castro de Samoedo, foron moitas as actividades desenvolvidas polo Laboratorio co apoio do Grupo Sargadelos e baixo a dirección de Juan Vidal Romaní, despois da morte de Parga Pondal, como as xuntanzas anuais de Xeoloxía e Minería do NW peninsular ou os numerosos estudos publicados nas coleccións Cadernos do Laboratorio Xeolóxico de Laxe e a Serie Nova Terra de Ediciós do Castro. En 1997, o Laboratorio Xeolóxico de Laxe, por convenio coa Universidade da Coruña, converteuse no Instituto Universitario de Xeoloxía Isidro Parga Pondal.