Cadeira antropomórfica deseñada por Isaac, 1958
Cadeira antropomórfica deseñada por Isaac, 1958

Identificamos nesta faceta do artista moitos trazos intelectuais, sociopolíticos e culturais propios da súa imaxe poliédrica.

Isaac fixo un deseño ético, socialmente responsable, sostible e identitario. Os seus deseños definen á perfección a súa relación entre a arte e a industria.

Premiado no 2005 cunha medalla FAD (Foment de les Arts Decoratives) de Barcelona polo seu activismo plástico, a súa achega ao deseño industrial e gráfico responde á urxencia de satisfacer unha necesidade colectiva e social.

Podemos diferenciar a súa obra entre deseño gráfico e industrial.

Isaac fixo un deseño ético, socialmente responsable, sostible e identitario.

Deseñador gráfico

Cartel para a campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía de 1936
Cartel para a campaña do plebiscito do Estatuto de autonomía de 1936

As circunstancias que lle tocaron vivir marcarán o carácter das súas creacións dun forte contido sociopolítico. Seguindo a Xan López, a súa obra gráfica caracterízase por un expresionismo de formas precisas e sinxelas, mensaxes directas, composicións complexas entre os textos e os debuxos, e o uso de técnicas moi básicas, ata chegar en ocasións a usar un simple bolígrafo.

Carteis

Comeza en 1936, cos seus primeiros carteis e a pintada na praza do Obradoiro en Santiago de Compostela cun enorme SI, ambos para a campaña a prol do Estatuto de autonomía.

Identificamos nesta faceta do artista moitos  trazos intelectuais, sociopolíticos e culturais propios da súa imaxe poliédrica.

Isaac Díaz Pardo na inauguración dunha mostra sobre os seus carteis celebrada na Facultade de Socioloxía o 20 de xaneiro de 2000
Isaac Díaz Pardo na inauguración dunha mostra sobre os seus carteis celebrada na Facultade de Socioloxía o 20 de xaneiro de 2000

Isaac fará carteis culturais, políticos etc. durante toda a súa vida. Para as súas fábricas realizará afiches publicitarios e internos (con instrucións educativas para os operarios), ademais dos catálogos, logotipos e mostrarios das pezas de porcelana.

Na década dos setenta, debuxará os carteis de cego, mestura de viñetas en branco e negro cun estilo rotundo, concibidos como un cómic, cun gran sentido do humor e un fío narrativo:

  • A nave espacial, 1970
  • Paco Pixiñas, 1970
  • O marqués de Sargadelos, 1970
  • O crime de Londres, 1977
  • Castelao: historia contada polo cego Zago, 1985

Ilustracións

Un debuxo do libro de Cecilia la acróbata, 1965
Un debuxo do libro de Cecilia la acróbata, 1965

Revista Aturuxo, onde asina co pseudónimo Xalo; Galicia Hoy, Ed. Ruedo Ibérico, ilustrado xunto a Luis Seoane; Danzas, Julio R. Jordi, Ed. Moret, A Coruña e os seus libros Unha presa de debuxos feitos por Isaac Díaz Pardo de xente do seu rueiro e 20 desnudos de Cecilia la acróbata. As súas cubertas para libros son moi numerosas, e poden servir como exemplo  Memorias dun neno labrego, de Xosé Neira Vilas, Xente ao lonxe de Eduardo Blanco Amor e Os cen mellores poemas da lingua galega de Xesús Alonso Montero.

Os seus deseños definen á perfección a súa relación entre a arte e a industria.

Deseñador industrial

Cuberta do catálogo de Sargadelos coas formas Niñodaguica. Ca. 1970
Cuberta do catálogo de Sargadelos coas formas Niñodaguica. Ca. 1970

Durante os seus estudos de Belas Artes na Escola de San Fernando de Madrid, en 1941, Isaac fora elixido para participar na primeira Experiencia en Deseño Industrial en España, dirixida por Carlos Sáinz de Tejada. Aínda que non moi satisfactoria para o artista, si podemos recoñecer aquí o primeiro contacto de Díaz Pardo con este tipo de disciplina. Anos máis tarde, abandonaría a pintura pola cerámica e comezaría a súa aposta polo deseño, no Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña), onde creou o seu taller cerámico, xerme da fábrica de Cerámicas do Castro, de Magdalena en 1955 (Buenos Aires) e de Sargadelos en 1970.

Nestes anos, aplicará os fundamentos do deseño á industria cerámica. Ante a imposibilidade de conseguir a tecnoloxía adecuada, el mesmo inventa e patenta máquinas e fornos avanzados para a fabricación de porcelana. Sobre este tema, o catedrático matemático da USC Fernado Alcalde ten escrito no seu blog.

A influencia de Luis Seoane é crucial para entender a busca de equilibrio entre arte/industria, que culmina coa creación do Laboratorio de Formas.

Cuberta do catálogo de Pezas para ensamblar, 1971
Cuberta do catálogo de Pezas para ensamblar, 1971

O fillo de Isaac, Xosé Díaz, deseñador, afirma que «a experiencia americana o reafirma na súa idea dun deseño culto e respectuoso coa cultura que o crea, á vez que o talento, erudición e modernidade dos exiliados republicanos (…)». A influencia de Luis Seoane é crucial para entender esta busca de equilibrio constante entre arte/industria, que culmina coa creación do Laboratorio de Formas, unha das máis importantes achegas ao mundo do deseño e da cultura. O Laboratorio de Formas busca proxectar deseños con carácter funcional, formas con referencias sólidas, que transmitan valores propios, enraizados na cultura na que se fan.