Tallando unha figura, 1947
Tallando unha figura, 1947

A traxectoria de Díaz Pardo como ceramista vai parella á aparición e á evolución das súas fábricas do Castro, Magdalena e Sargadelos, e evoluciona co paso do tempo. Nun principio, Isaac crea as súas propias pezas, pero logo a súa función amplíase a director da produción, deseñador de máquinas, control do persoal, e moitas máis tarefas que o afastan da creación exclusiva.

 

A traxectoria de Díaz Pardo como ceramista vai parella á aparición e á evolución das súas fábricas do Castro, Magdalena e Sargadelos, e evoluciona co paso do tempo.

Seguindo a Xosé Díaz, Fernando Arribas e Teresa Pena Moreda, mostraremos as etapas da súa evolución neste eido:

1947-1955, O Castro. Etapa clásica ou pictórica

A saída do Paraíso, anos cincuenta
A saída do Paraíso, anos cincuenta

A finais dos anos corenta, Díaz Pardo muda Madrid por Galicia e a pintura pola cerámica. Recoñecido pintor de éxito e loado polos críticos do momento, decide instalar un pequeno taller cerámico nas antigas cocheiras do pazo da familia da súa muller, Carmen Arias, no Castro de Samoedo, en Sada (A Coruña). O obxectivo era estudar os caolíns de Sargadelos para coñecer a súa calidade e para esta tarefa contou coa axuda de Jacinto Alcántara, director da Escola de Cerámica de Madrid. Os ensaios foron positivos e a cerámica resultante tiña unha gran calidade. O seguinte paso sería formar unha sociedade, no ano 1949, para crear a fábrica de cerámicas do Castro, formada polo propio Díaz Pardo, Federico Nogueira Pazo e José Rey Romero. As pezas do Castro empezan a comercializarse e resultan un éxito e, en 1952, a fábrica conta con 100 traballadores.

Distínguese tres etapas na súa traxectoria cerámica: 1947-1955, clásica ou pictórica; 1955-1968, funcional e de transición e 1970, diferencialista.

Xerra Vicio da serie Os vicios. Porcelana do Castro (anos cincuenta)
Xerra Vicio da serie Os vicios. Porcelana do Castro (anos cincuenta)

Nun principio, a produción consistía en reproducir pezas de tiraxe limitada, orixinais de Isaac, que reproducen a súa obra pictórica, feitas polo sistema tradicional de coado e que se expuxeron por primeira vez no 1951. Logo, comézase cos primeiros servizos de mesa dunha finísima porcelana translúcida, de moitísima calidade. Corresponden a esta etapa os decorados das series Nenos, Cabalos ou Cabezas. En canto ás súas pezas decorativas, repítense as formas de muller, e destacan Candelabro feminino, Nu tendido, varias xerras (vicios, cabezas, esfinxes), Pondaliana, Tangaraño e as botellas-figura, onde atopamos unha evolución cara a uns modos menos clásicos e máis expresionistas, pero cun carácter inconfundible.

1955-1968, Magdalena. Etapa funcional e de transición

Na fábrica de Magdalena (A Arxentina), 1958-59
Na fábrica de Magdalena (A Arxentina), 1958-59

O éxito do Castro traspasa fronteiras e chega á Arxentina, desde onde, en 1955, Isaac recibe unha invitación para repetir o modelo do Castro en terras de Magdalena, a 100 quilómetros de Buenos Aires. A estas alturas, Díaz Pardo colabora con Luis Seoane na revista bonaerense Galicia Emigrante e, ao mesmo tempo, a publicación faise eco da actividade cerámica do artista a través de varios artigos.

Isaac pon rumbo á Arxentina nunha viaxe na que entrará en contacto coas vangardas europeas presentes na Arxentina, co grupo de exiliados alí establecidos e con Luis Seoane, feitos que mudarán a súa vida e a súa obra para sempre. Inaugura esta nova etapa en decembro do 1955, cunha mostra no Centro Galego de Buenos Aires: Isaac Díaz Pardo Cerámicas y Pinturas.

O encontro de Díaz Pardo con Seoane en Buenos Aires culminará na creación en 1963 do Laboratorio de Formas.

María Magdalena, única figura en porcelana deseñada por Isaac en Magdalena (1960)
María Magdalena, única figura en porcelana deseñada por Isaac en Magdalena (1960)

Durante esta etapa americana, Isaac consolidou e perfeccionou os seus coñecementos técnicos como ceramista. No ámbito da produción, atopamos unha depuración nas formas cara a decoracións máis abstractas e xeométricas. Os servizos de mesa lisos, sen relevo: formas Cilíndrica, María e Pomba, máis depuradas e funcionais. O encontro de Díaz Pardo con Seoane en Buenos Aires culminará na creación en 1963 do Laboratorio de Formas, que funcionará como un ente de discusión e de creación de teorías que deben establecer as bases sobre as que se rexerá a produción. A busca do equilibrio entre a vangarda/tradición e arte/industria será unha constante nas formas. Sirvan como exemplo os decorados Portomarínica, Monférica ou Castrondourica que, baseados na tradición cultural galega, son deseños de vangarda. Na fábrica de Magdalena, en Buenos Aires, Isaac soamente asinará unha peza decorativa, unha María Magdalena.

A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo vai máis alá e supón unha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galicia contemporánea.

1970, Sargadelos. Etapa diferencialista

Interior da fábrica de Sargadelos
Interior da fábrica de Sargadelos

No ano 1968, Isaac abandona toda actividade con Magdalena e concentra as súas enerxías nun dos proxectos fundamentais do Laboratorio de Formas: a continuación da obra de Sargadelos, unha antiga fábrica de louza que fundara o marqués de Sargadelos, no século XIX, en terras de Lugo.

O azul cobalto na decoración converteuse nun identificador da porcelana de Sargadelos.

Elemento modular C, peza de Sargadelos
Elemento modular C, peza de Sargadelos

Despois dunha etapa de probas nunha pequena planta experimental, en 1970 inaugúrase a planta circular proxectada polo arquitecto Andrés Fernández-Albalat, co que dá comezo o que se chama Quinta Etapa de Sargadelos.

A produción leva o azul cobalto na decoración como identificador e dos seus fornos saen servizos de mesa de porcelana de alta temperatura, decorados baixo cuberta. Os decorados son funcionais e xeométricos con símbolos da cultura popular galega. Isaac e Seoane estudan o pasado das formas na busca do equilibrio perfecto entre o pasado e o futuro, o tradicional e o moderno.

En 1972, créase o Seminario de Sargadelos, que será o encargado de materializar os principios teóricos do Laboratorio de Formas. Os avances no uso de distintos materiais e a experimentación de novas posibilidades técnicas serán aproveitados por Isaac para crear pezas modulares e amoreables ou figuras articuladas, como Elemento Modular A, B ou C.

Ao longo de máis de 60 anos, levou a cabo un modelo de empresa por e para Galicia.

A obra cerámica de Isaac Díaz Pardo vai máis alá e supón unha das experiencias culturais e empresariais máis importantes da Galicia contemporánea. Ao longo de máis de 60 anos, levou a cabo un modelo de empresa por e para Galicia.