Isaac Díaz Pardo foi nomeado Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores. Pontevedra. Noite da Edición 2006
Isaac Díaz Pardo foi nomeado Presidente de Honra da Asociación Galega de Editores. Pontevedra. Noite da Edición 2006

Isaac Díaz Pardo foi un editor singular: ao longo de 45 anos mantivo con vida e traballando a un ritmo considerable unha editora pouco convencional, Ediciós do Castro. Achegarse aos 1450 títulos do catálogo de Ediciós significa achegarse a un dos fondos editoriais máis emblemáticos do país: os dunha editorial sen ánimo de lucro que durante anos publicou xenerosamente arte, ensaio, investigación científica, divulgación, narrativa, teatro, poesía e, fundamentalmente, todo traballo que servise para restaurar a memoria histórica de Galicia sen distinción de xéneros, autores ou formatos.

Díaz Pardo foi un editor singular: ao longo de 45 anos mantivo unha editora pouco convencional, Ediciós do Castro, con 1450 títulos.

Na cuberta posterior do catálogo da editorial explica Díaz Pardo que esta tarefa, esta liña editorial, era o mandato que o Laboratorio de Formas traía de América e co que foi marcando as empresas que creou. Así pois, da man de Luis Seoane, Isaac crea Ediciós do Castro en 1963 coa intención de «promover e espallar o estudo da historia contemporánea de Galicia.»

Ediciós do Castro publicou arte, ensaio, investigación científica, divulgación, narrativa, teatro, poesía e todo traballo que servise para restaurar a memoria histórica de Galicia.

O editor, Pepe Martínez, fundador da Editorial Ruedo Ibérico; Carmen Arias coa súa neta Carolina; Emilia Pimentel; Díaz Pardo; Xesús Alonso Montero e María Ripoll. Sargadelos, 1980
O editor, Pepe Martínez, fundador da Editorial Ruedo Ibérico; Carmen Arias coa súa neta Carolina; Emilia Pimentel; Díaz Pardo; Xesús Alonso Montero e María Ripoll. Sargadelos, 1980

A relación de Isaac co mundo editorial viña de moito atrás, xa que de neno medrou ollando traballar o seu pai con Ánxel Casal na emblemática imprenta Nós en Santiago de Compostela. Anos máis tarde, na súa etapa «americana» será un dos colaboradores do seu grande amigo Luis Seoane na revista Galicia Emigrante e, xa nos primeiros anos sesenta, coñece en París a José Martínez, o mítico editor de Ruedo Ibérico. Con el establecerá unha fecunda relación que incluirá varias publicacións, colaboración intelectual e económica e mesmo a impresión e distribución de catro títulos.

Isaac medrou ollando traballar o seu pai con Ánxel Casal na imprenta Nós en Santiago de Compostela.

Documentos núm. 76
Documentos núm. 76

Nos primeiros anos de Ediciós do Castro, a arte está moi presente con títulos de Luis Seone e de Díaz Pardo, tamén coas primeiras publicacións sobre cerámica e a lembranza de artistas xa desaparecidos. A partir de 1970, ano de inauguración da planta de Sargadelos e do Museo Carlos Maside, xa están en marcha diversas coleccións que acrecentan notablemente o número de publicacións da editorial. Dun lado, os Cadernos do Laboratorio de Formas de Galicia, doutro, os Cadernos do Seminario de Sargadelos, unha colección única no noso ámbito que difundiu as investigacións e realizacións do Seminario.

Na súa etapa «americana» será un dos colaboradores do seu gran amigo Luis Seoane na revista Galicia Emigrante.

A editorial non tardará en sacar coleccións de ensaio, historia, poesía, narrativa, teatro e literatura para nenos. Nos anos oitenta, cando se refunda o Seminario de Estudos Galegos, créase unha importantísima colección de publicacións científicas que se artellan arredor das diferentes áreas de organización do SEG.

Nos primeiros anos sesenta, coñece en París a José Martínez, o editor de Ruedo Ibérico. Con el establecerá unha fecunda relación en varias publicacións.

Documentos núm. 186
Documentos núm. 186

É tamén a principios dos oitenta cando se inicia unha nova colección concibida polo propio Díaz Pardo: Documentos para a historia contemporánea de Galiza, quizais a colección máis emblemática de todas as que conforman a editorial.

Baixo este titular Ediciós do Castro inicia unha colección coa intención de contribuír á divulgación de testemuñas que podan axudar a facer unha aproximación á historia contemporánea de Galiza [...] Ediciós do Castro vai tratar de recoller as testemuñas que fican e animar a que se fagan investigacións sobre a historia social, económica e política dos momentos máis críticos do século, recollendo toda a testemuña posible. [...] Mais serán unhas cantas testemuñas o único posible que podemos deixar, para servir ao futuro, reconstruíndo no que se poida a idea do noso pasado inmediato.

Documentos para a historia contemporánea de Galiza, concibida por Díaz Pardo , é a colección máis emblemática de todas as que conforman a editorial.

Documentos núm. 134
Documentos núm. 134

Nesta colección, que chegou a publicar 210 títulos, o editor vai definirse como un «militante da memoria» e, como tal, nos seus últimos anos de vida, embárcase nun novo proxecto que concorda coa filosofía que sempre guiou todos os seus emprendementos: a Biblioteca del Exilio, un proxecto editorial colectivo que pretende loitar contra o silencio e o esquecemento que rodearon os exiliados republicanos de 1939, e recuperar así un patrimonio intelectual que complete a historia da literatura e da cultura do século XX.

En 2008, contra a vontade do seu creador, remata o labor de Ediciós do Castro.

Derradeiro libro de Ed. do Castro, Documentos núm. 210
Derradeiro libro de Ed. do Castro, Documentos núm. 210

O certo é que a historia da Guerra Civil, da represión e do exilio foi o fío condutor de todas as coleccións de Ediciós do Castro. Así, alén das xa citadas, centos de traballos de investigación, memorias e biografías, publicacións de actas de congresos ou edicións facsimilares de revistas do noso exilio.

En 2008, contra a vontade do seu creador, remata o labor de Ediciós do Castro. Está por estudar ben polo miúdo a historia desta editorial, que tamén é unha parte da nosa historia e da nosa cultura.