Nun acto na librería Lume, 1976
Nun acto na librería Lume, 1976

Isaac escribiu durante toda a vida, cultivou a poesía, o teatro, o ensaio, a crónica e o artigo xornalístico, sen esquecer a redacción das normas de traballo nas súas fábricas, escritas cunha linguaxe orixinal e convincente e que se poden considerar como un texto teórico sobre as relacións de traballo e a produción.

Un dos carteis coas normas de traballo nas súas fábricas
Un dos carteis coas normas de traballo nas súas fábricas

Son da súa autoría máis de 10 títulos, á parte de innumerables prólogos, limiares etc. para libros doutros autores. Ata case os 90 anos, colaboraba con artigos de actualidade no xornal La Voz de Galicia. En 1999, recibiu o XLI Premio Fernández Latorre, na modalidade da prensa escrita. O seu epistolario, aínda inédito na súa maioría, con Luis Seoane e outras personalidades importantes, encerra moitas claves para entendermos a cultura do século XX.

Isaac escribiu durante toda a vida, cultivou a poesía, o teatro, o ensaio, a crónica e o artigo xornalístico.

Poesía

Atopamos poemas seus na revista Aturuxo (Ferrol 1952-1960), dirixida por Tomás Barros, números 6 e 7 - 8, de 1955, co pseudónimo de Xalo, titulados Cacheno e A unha rapaza de Fontán que me pousa de modelo. Ao pé deste último poema, aparece unha nota que indica: «Do libro Cantos a rapazas inédito».

Portada do cartel de cego «O crimen de Londres. A criada que estrangulou á súa ama pola música. Historia contada polo cego Zago en 1970», 1977
Portada do cartel de cego «O crimen de Londres. A criada que estrangulou á súa ama pola música. Historia contada polo cego Zago en 1970», 1977

Seguindo a Xosé Ramón Fandiño, tamén podemos considerar poesía os textos dos «carteis de cego» creados por Díaz Pardo na década de 1970, nos que recrea os espectáculos parateatrais que de neno presenciara nas feiras dos xoves en Santa Susana, interpretados por un cego que tocaba un instrumento musical e unha muller que cantaba. Os títulos son: Paco Pixiñas, Historia dun desleigado contada por il mesmo (1970) de Celso Emilio Ferreiro con ilustracións de Isaac Díaz Pardo; A nave espacial. Historia contada polo cego Zago na que refírese os traballos pasados por Manuela Canle e os seu home pra chegar a voar (1970); O marqués de Sargadelos. Historia contada polo cego Zago onde gábase as sabencias de Antonio Raimundo Ibáñez na vida e nárrase seus erros e a súa tráxica morte (1970); O crime de Londres. A criada que estrangulou á súa ama pola música (1977) e Castelao. Historia contada polo cego Zago (1985). O vello cego Zago é o pseudónimo utilizado por Díaz Pardo.

Son da súa autoría máis de 10 títulos, á parte de innumerables prólogos, limiares etc. para libros doutros autores.

Teatro

Midas e O ángulo de pedra, Ed. Citania, 1957
Midas e O ángulo de pedra, Ed. Citania, 1957

O ángulo de pedra e Midas, 1957 (teatro). Dúas traxedias clásicas, datadas no Castro de Samoedo nos anos 1949 e 1951, respectivamente, e publicadas na Arxentina, na editorial Citania no ano 1957, con ilustracións e cubertas de Luis Seoane. Estreouse no ano 2018, da man de Lino Braxe e co apoio da Deputación da Coruña, que con este motivo publicou unha edición facsímile da obra.

Ensaio

Portada de El ceramista Arranz y su escuela, 1964
Portada de El ceramista Arranz y su escuela, 1964

Discusión sobre la organización de industrias manufactureras, Imprenta Moret, A Coruña, 1960. Dedicado aos seus compañeiros das fábricas de Magdalena e do Castro. Como o seu título indica, Isaac teoriza sobre a formación dunha conciencia industrial en Galicia. A censura prohibiu e secuestrou este libro ao pouco de publicarse.

El ceramista Arranz y su escuelaEd. do Castro, 1964, Sada. A través de 28 páxinas, Díaz Pardo explica como coñeceu a obra do ceramista, ofrece unha cronoloxía, o significado da súa obra e remata cun capítulo con reproducións da súa obra.

El escultor Emiliano Barral, Ed. do Castro, 1966, Sada.

Cuberta do libro Galicia Hoy y el resto del mundo, 1987
Cuberta do libro Galicia Hoy y el resto del mundo, 1987

Galicia Hoy, Ed. Ruedo Ibérico, París, 1966. Coordinado por Luis Seoane e Isaac Díaz Pardo, baixo os pseudónimos de Maximino Brocos e Santiago Fernández, respectivamente. O volume, que constaba de diversas colaboracións e da reprodución de documentos, recollía a súa visión da desastrosa situación de Galicia tanto económica como culturalmente.

Contribución de urgencia al entendimiento de los problemas de arte/industria. Número 18 dos Cadernos do Seminario de Estudos Cerámicos de Sargadelos, 1976, Sada, Ed. do Castro.

Galicia hoy y el resto del mundo, Ed. do Castro, Sada, 1987. Entendido como unha posible continuación de Galicia hoy (1966), Díaz Pardo denuncia a desmemoria na que se atopa a sociedade, ao tempo que ofrece documentación valiosa sobre Castelao, Lorenzo Varela e recordos sobre figuras clave na súa vida: seu pai, Luis Seoane ou Rafael Dieste.

Cuberta de Tentando construir uma esfinge de pedra, desassossegos, de Isaac Díaz Pardo, 2007
Cuberta de Tentando construir uma esfinge de pedra, desassossegos, de Isaac Díaz Pardo, 2007

Tentando construir uma esfinge de pedra, desassossegos, de Isaac Díaz Pardo, escrito en normativa reintegrada, do ano 2007, e publicado en Ediciós do Castro. Dedicado a seu pai, Isaac explica atoparse nun pozo sen fondo dende onde observa como a obra maior da súa vida se desfai. Durante o texto mantén un diálogo poético e surrealista cunha esfinxe de pedra «reencarnaçom das suas utopias, do seu afám criador, da ingente obra oculta trás o nome de Laboratório de Formas». En toda a obra respírase amargura, decepción e fracaso.

Artigos

Portada do número 31 da revista Galicia Emigrante. Imaxe cedida pola Fundación Seoane
Portada do número 31 da revista Galicia Emigrante. Imaxe cedida pola Fundación Seoane

De 1955 ata 1959, colaborou con diferentes artigos sobre economía e cultura galegas na revista arxentina dirixida por Luis Seoane, Galicia Emigrante. Primeiro asinaba co seu propio nome e logo cos pseudónimos de Fernández Ollarnovo, S. F. Ollarnovo e Xoán Mazaricos: «Monfero», núm. 9, 1955; «O cincuentenario da Academia Galega», núm. 14, 1956; «El Hospital Real de Santiago de Compostela», núm. 19, 1956; «La Emigración», núm. 23, 1958; «Es urgente un plan económico funcional para Galicia», núm. 27, 1957; «Galicia, país rico de gente pobre», núm. 29, 1957; «Economía extractiva en Galicia a favor de intereses extranjeros facilitada por el oportunismo centralista», núm. 32, 1958; «Galicia y la ley del silencio», núm. 33, 1958; «Necesidad de una crítica económica para Galicia», núm. 34, 1958; «Galicia y la educación de su pueblo», núm. 35, 1958; «La potencia hidroeléctrica de Galicia y otras cosas», núm. 36, 1958 e «Inauguraciones y absentismo en Galicia», núm. 37, 1959.

O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, publicado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora no ano 2018 e recompilado polo filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga
O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, publicado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora no ano 2018 e recompilado polo filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga

Unha boa guía para coñecer o seu labor neste xénero recóllese no libro O ollar clarividente de Isaac Díaz Pardo, publicado polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora no ano 2018 e recompilado polo filólogo Xosé Ramón Fandiño Veiga. Reúne as colaboracións periodísticas realizadas por Díaz Pardo entre os anos 1963 e 2009: un total de 514 e que foron publicadas nos xornais A Nosa Terra de Buenos Aires e nos galegos Faro de Vigo, La Región, El Progreso, El Correo Gallego e La Voz de Galicia.