A relación que a partir de mediados dos anos cincuenta vai manter Isaac Díaz Pardo na Magdalena e en Buenos Aires co grupo de intelectuais galegos exiliados na Arxentina, sobre todo co máis importante e brillante de todos eles, Luis Seoane, tivo como froito a creación en 1963 do Laboratorio de Formas de Galicia.
A viaxe de Díaz Pardo a Arxentina e o seu encontro cos intelectuais exiliados, sobre todo con Luis Seoane, tivo como froito a creación en 1963 do Laboratorio de Formas de Galicia.
No Manifesto do Laboratorio, publicado en 1970 e redactado polos seus dous fundadores, Seoane e Díaz Pardo, aos que se unirá pouco tempo despois da súa creación o arquitecto Andrés Fernández Albalat, expoñíase o principal obxectivo da institución: o estudo das formas desenvolvidas no pasado galego e as que continuaban vixentes e a súa aplicación aos obxectos industriais, para conseguir, indo máis alá do cosmopolitismo, unha produción con raíces, diferenciada e que tivese como valor engadido a súa garantía de orixe («Nós queremos enriquecer o mundo coa nosa diferenza», como escribiu Seoane).
O principal obxectivo do LF era o estudo das formas desenvolvidas no pasado galego e a súa aplicación aos obxectos industriais, para conseguir unha produción con raíces.
O mesmo ano da súa creación, o Laboratorio de Formas asinou un convenio con Cerámicas do Castro, a empresa de cerámica que creara Díaz Pardo xunto con outros socios a finais dos anos corenta, para levar adiante os proxectos elaborados nese crisol de ideas que foi o Laboratorio.
Os primeiros proxectos realizados polo Laboratorio de Formas foron a restauración de Sargadelos, a creación do Museo Carlos Maside e Ediciós do Castro.
Os primeiros proxectos realizados polo Laboratorio de Formas foron:
1. A restauración de Sargadelos. O vehículo máis importante para a concreción das ideas do Laboratorio de Formas no deseño industrial coa inauguración da planta circular proxectada por Andrés Fernández Albalat, foi construída preto da vella factoría de siderurxia levantada a finais do XVIII polo empresario Antonio Raimundo Ibáñez.
2. A creación do Museo Carlos Maside, tamén en 1970, unha idea alentada por Luis Seoane que buscaba recoller a obra e a documentación do movemento renovador da arte galega a partir de Castelao, inaugurouse de forma provisoria nunhas dependencias cedidas por Cerámicas do Castro ata que, en 1982, se rematou a súa sede definitiva, o edificio de módulos hexagonais deseñado por Albalat a carón da fábrica de Cerámicas do Castro.
3. Ediciós do Castro, que comezou a súa andaina xa en 1963 coa publicación de dous álbums de gravados de Seoane, tiña como obxectivo difundir a cultura galega e reconstruír a historia contemporánea de Galicia que, por entón, permanecía oculta para a maior parte da sociedade.
O proxecto de Laboratorio de Formas tamén contou coa colaboración de exiliados galegos, como Lorenzo Varela e Rafael Dieste, e de gran parte da intelectualidade de Galicia. Ademais dos proxectos mencionados, o Laboratorio levou a cabo outras actividades importantes: solicitou a declaración de conxunto histórico-artístico do recinto no que operou o vello complexo industrial de Sargadelos (1972) e promoveu a creación do Seminario de Sargadelos (1972), do Instituto Galego de Información (1977), do Novo Seminario de Estudos Galegos (1978) e do Laboratorio de Industria e Comunicación do Castro, que acolleu os fondos e a sede do Laboratorio Xeolóxico de Laxe de Isidro Parga Pondal, e mais a Ediciós do Castro e a Imprenta Moret.